“Esta foi unha das primeiras reunións coas agrupacións locais do Partido Popular na nosa provincia para valorar os puntos máis e menos fortes de cada unha para encarar con forza as posibles eleccións xerais que se celebrarían en novembro -no caso de non quedar desbloqueada a formación do Goberno central no vindeiro mes de setembro- coma as eleccións autonómicas a celebrar o vindeiro ano”, explicou a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia.
Os populares de Foz amósanse “unidos e ilusionados” por continuar traballando de cara ás vindeiras citas coas urnas. Concretamente, Javier Castiñeira -que tamén representa aos populares no Grupo Provincial- agradeceu o apoio de Candia e Balseiro; xa que “contribúe a que seguimos motivados” e a dar visibilidade a Foz como “un referente” na provincia.
É que os populares avalan “a boa xestión do Goberno do PP en Foz nos últimos oito anos” que demostra que “é posible gobernar en minoría grazas á boa man política e á capacidade para chegar a acordos” que, de feito, “fixeron posible sacar adiante moitos proxectos en beneficio de Foz e os nosos veciños e veciñas”.
Así, a pesar de “non estar satisfeitos cos resultados” dos comicios municipais; dende o PP de Foz amosan a súa motivación para “facer unha boa oposición e traballar por recuperar o Goberno local”. Mentres, dixo Castiñeira, “o noso labor é o de fiscalizar e controlar ao equipo de Goberno” e “comprobar se tanto o PSOE coma o BNG cumpren o seu programa electoral”.