A Xunta de Goberno celebrada este venres aceptou a achega económica de 578.072,26€ procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que o organismo provincial solicitou a través do Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. A Deputación achega 144.518,10€, co que o orzamento total do proxecto é de 722.590,36€.
Esta iniciativa, dirixida aos municipios de menos de 20.000 habitantes, enmárcase “no obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos Concellos para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes”, subliñou o Presidente.
Grazas ao programa ILUMIN@, os Concellos recibirán unha axuda económica para o cambio de luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED en instalacións municipais, como por exemplo alumeados públicos, centros sociais, dependencias culturais ou deportivas. Renovaranse 3.195 instalacións de luz, co que se reducirá o consumo en 450.217 quilovatios ao ano, de xeito que, en termos económicos, o aforro conxunto nos 38 concellos superará os 62.000€ anuais, o que supón un 63% da facturación eléctrica das instalacións nas que se actúa.
Desbroce e parque móbil
Polo demais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do servizo de desbroce de estradas provinciais pertencentes a 28 concellos para este ano e o que vén por un importe total superior aos 972.000€. Os concellos son os seguintes: Muras, Xermade, Vilalba, A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Castroverde, O Corgo, Baleira, Baralla, Láncara, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, Chantada, Carballedo, O Courel, Quiroga, Ribas de Sil, Pantón e Sober.
Tamén foi adxudicado por importe de 121.000€ o subministro de 320 toneladas de emulsión asfáltica que serán empregadas polas máquinas do Parque Móbil para o mantemento e arranxo da rede viaria provincial, que, con 4.200qms, é a máis extensa de España. A adxudicataria deste contrato é Repsol Lubricantes y Especialidades SA.
Plan de recuperación de terras
Así mesmo, aprobouse a xustificación de 22 subvencións por un valor conxunto de máis de 43.600€ concedidas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Con este programa, froito do compromiso da Deputación coa xeración de riqueza e emprego no rural potenciando o sector agrogandeiro, recuperaranse 582has de terras abandonadas na provincia para poñelas en produción, que se suman ás 1.888 xa recuperadas grazas ás anteriores edicións desta liña de axudas.
Carril bici do Rato
Outro dos asuntos que recibiu luz verde na primeira Xunta de Goberno do mandato foi o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para a execución do proxecto de acondicionamento de 2,5qms de carril bici no paseo do Rato, en Lugo, unha obra que ten un orzamento de 505.600€.