Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Barreiros dirixese a varias consellerías da Xunta para tratar de dar solución o problema de depuración en Reinante

 Barreiros, 22 de agosto de 2019. O goberno municipal de Barreiros manifesta que o seu interese “é tratar de solucionar un problema moi importante que leva anos existindo e que empeora co tempo; como é a depuración de augas residuais que se leva a cabo nas zonas de San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante. Este problema, que se coñece e se ten determinado hai anos, podería solucionarse coa construción dunha nova estación depuradora en San Miguel que daría solución a ambas parroquias; tal e como se contempla no proxecto elaborado por Augas de Galicia. Dito proxecto, que este goberno considera fundamental executar, está orzamentado en máis de 3.300.000 euros; cantidade imposible de afrontar para esta administración local.
Ana Ermida explica na carta remitida aos departamentos da Xunta que “o concello de Barreiros ten un censo poboacional de menos de 3.000 habitantes, porén a súa poboación flotante multiplica esta cifra por máis do triplo nos meses de verán. Isto supón que os servizos que se precisan, deben estar dimensionados para atender dita demanda; o que require de investimentos importantes para poder levar a cabo ditas execucións.”
Segundo sinalan desde o goberno “a ubicación dos puntos de vertido actuais son en zonas moi próximas á praia, mesmo a lugares tan emblemáticos como a praias de Augas Santas/As Catedrais, e mesmo a Rede Natura, o que supón uns impactos tanto medioambiental como turístico negativos; a maiores dos evidentes de saúde pública que se detectan mesmo nas analíticas realizadas pola propia administración galega.”
Por esta razón, e considerando que a Xunta de Galicia ten competencia na cuestión e varias das súas consellerías poderían estar involucradas na resolución deste problema, o goberno municipal solicita unha xuntanza para abordar esta cuestión coas distintas Consellerías que poden estar implicadas.
A alcaldesa considera que “é imprescindible a colaboración entre administracións para afrontar investimentos desta importancia, en beneficio das veciñas e veciños de Barreiros, das persoas que visitan este municipio e do propio País, que precisa dunha imaxe moderna, avanzada e con servizos propios do século XXI.”

Exit mobile version