Mondoñedo, 7 de agosto de 2019.- Un total de 46 nenos e nenas están a desfrutar este verán do campamento organizado dende a ludoteca municipal de Mondoñedo, un servizo posto en marcha polo actual Goberno municipal que dirixe Elena Candia coa finalidade de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.
A ludoteca municipal, que funciona de xeito ininterrompido durante todo o ano, ademais dos servizos de madrugadores e de tardes, tamén cubre o período de vacacións non lectivas (Semana Santa, Verán e Nadal).
Trátase, en palabras da alcaldesa, Elena Candia, de “reforzar a oferta e poder axudarlles aos pais e nais para que a conciliación laboral e familiar sexa unha realidade no noso Concello”.
No campamento participan nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 12 anos. Non asisten todos os mesmos días da semana, nin nos mesmos horarios. Desfrutan de actividades de diversa índole, cun forte compoñente lúdico, pero sempre fomentando a transmisión de valores fundamentais, como pode ser o compañeirismo ou o traballo cooperativo.
As actividades desenvólvense de 8 da mañá a catro da tarde, tal e como elixiron os pais en base as súas necesidades, coa pretensión de colaborar cos pais e nais “o máximo posible”, segundo explica a concelleira de Igualdade, Conciliación e Xuventude do Goberno local, Bea Meilán.
A edil segura que a ludoteca, situada no recinto do colexio Álvaro Cunqueiro, “é un servizo moi importante, que se puxo en funcionamento no ano 2018, e que está a dar resposta a unha das principais demandas dos veciños e veciñas”.
Meilán defende que se “fixo moito no ámbito da conciliación, pero queda por facer e seguiremos traballando de xeito moi activo para avanzar nun compromiso firme e moi importante para o Concello”.