Os participantes da Travesía van desenvolver diversas actividades na comarca, que están financiadas polo GALP A Mariña-Ortegal, co fin de por en valor os recursos naturais, culturais e pesqueiros do territorio.
Onte tivo lugar un showcooking na praza de abastos de Burela, onde os cociñeiros Lucas Requejo e Suso Liste foron os encargados de elaborar catro preparacións de bonito para os asistentes. Fixérono en ceviche e en tartar e tamén cociñaron taco de bonito ao forno e ventresca de bonito. Nas súas intervencións explicaron os procesos de cociñado do bonito e os os produtos empregados, como os cítricos ou a denominada alga percebe, entre outras.
Ao remate os tripulantes da “IV Navega el Camino” puideron saborear estes pratos, regados cun albariño da denominación de orixe Rías Baixas.
Acompañando esta actividade e en representación do GALP A Mariña-Ortegal, estivo Alfredo Llano, que é tamén o alcalde da localidade.
Hoxe a mañá os navegantes poderán participar en visitas guiadas ao mirador do Monte Castelo e á fábrica de cerámica de Sargadelos e á súa contorna. Tamén asisten á recepción oficial que o Concello de Burela lles ofrece. E xa á tarde achegaranse ata a nave de redes, ao barco museo Reina del Carmen e á lonxa, onde asistirán a unha poxa de peixe.
O venres ás dez da mañá a organización faralles entrega do peixe para o Concurso de Cociña, que se desenvolverá durante a travesía Burela-Viveiro. E as cinco e media da tarde darán comezo as visitas guiadas ao Souto da Retorta e ao monte San Roque. Para rematar as nove da noite no porto de Celeiro na valoración por parte do xurado das elaboracións realizadas para o Concurso de Cociña e a posterior entrega de premios.