A Mariña, 02 de xullo de 2019. Este sábado 29 de xuño o grupo de case trinta persoas madrugou un pouco para poder aproveitar a xornada programada na Pontenova, un concello que posúe lugares e tesouros pouco coñecidos, pero non por iso menos interesantes. Arredor das 10 da mañá chegamos a Vilarxubín, unha aldea do sur do concello, ubicada nunha das ladeiras do río e da fraga das Reigadas. A súa fermosa arquitectura popular, deteriorada mais escasamente alterada, aínda mantén unha riqueza excepcional: hórreos de montaña e hórreos mariñáns complementan o conxunto de casas e calellas nas que a pedra de lousa e a madeira se combinan para dar lugar a formas singulares, conformando un harmónico conxunto. Ademais da arquitectura, Vilarxubín alberga outros tesouros de grande interese, que nos axudou a entender Miguel Losada, o antropólogo que nos acompañou nesta visita, aportando un valor engadido coas súas explicacións sobre os amuletos ou elementos simbólicos das sociedades tradicionais, coma a galega, e que son chamativamente abundantes nesta aldea.
Sobre as 12 o grupo desprazouse a outro dos lugares sinalados da Pontenova, o santuario de Conforto, un dos centros relixiosos máis emblemáticos na comarca pola devoción que esperta a pequena e fermosa talla da Virxe, aparecida no século XVII. Para coñecer este Santuario contamos coa guía inestimable do sacerdote Carlos Miranda, natural deste concello e párroco de Ribadeo, vinculado a este lugar de xeito moi especial desde a súa infancia. O templo ten un grande interese pola profusión de retablos e pequenos tesouros que foi acumulando ao longo da súa historia, e que se atopan expostos tanto no interior da igrexa coma no pequeno museo de arte sacra, creado a carón do cemiterio.
Da man de Carlos Miranda visitamos tamén a igrexa parroquial de Vilameá, de similar factura arquitectónica á de Conforto, que alberga un pequeno e valioso retablo barroco do século XVI, un gran retablo maior, con valiosa imaxinería barroca, e unha fermosa fachada lateral.
Despois dunha opípara comida en Casa Balbina, o plan da tarde estivo adicado ao amplo patrimonio de arqueoloxía industrial deste concello. As minas de Vilaodriz constituíron durante os comezos do século XX un dos grandes complexos da minaría do ferro do país, ao que se daba saída cara o cargadoiro de Ribadeo mediante unha vía férrea, hoxe convertida en senda verde. O guía de turismo municipal, Juan Carlos Pardo, explicounos na antiga estación ferroviaria, habilitada como oficina de turismo, a historia desta etapa. A continuación guiounos nun percorrido por diversos puntos da mina (galerías, restos do teleférico, túneis e mais o forno en restauración), un complexo arqueolóxico que o Concello pretende recuperar e que constitúe un recurso turístico de gran potencial e interese pola singularidade e envergadura desta explotación, aínda hoxe pouco coñecida.
Pasadas as sete do serán, satisfeitos e sorprendidos diante da grande riqueza patrimonial destas terras, rematamos a xornada.
Dende Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa admiración e gratitude a Miguel Losada e a Carlos Miranda, que nos aportaron dúas miradas distintas pero igual de interesantes sobre o patrimonio espiritual destas terras. Así mesmo, agradecemos a excelente atención prestada polo Concello da Pontenova e do seu guía de turismo, Juan Carlos Pardo.