Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares: “A implicación e a dedicación plena para Cervo son os trazos que definen ao novo goberno municipal”

Cervo, 2 de xullo de 2019.- O Concello de Cervo organizarase en torno ás mesmas dedicacións establecidas no anterior mandato.
Tal e como precisou Villares “a implicación e a dedicación plena e total por e para Cervo serán os trazos fundamentais que definirán ao novo Goberno, que estará centrado única e exclusivamente no noso municipio, en traballar os 365 días do ano para a veciñanza de Cervo, a quen nos debemos”. Queremos responder esa confianza que depositaron en nós os cervenses o pasado 26 de maio, -engadiu- “con máis traballo que nunca”.
A organización municipal, logo do pleno que se celebrará este xoves, quedará definida do seguinte xeito:
A coordinación das distintas delegacións será asumida polo alcalde, Alfonso Villares, que recibirá unha retribución anual de 42.000 euros brutos.
A delegación de Facenda, Educación, Cultura e Patrimonio e as específicas que sexan determinadas puntualmente pola Alcaldía, será asumida pola primeira tenente de alcalde, Dolores García Caramés cunha retribución anual de 19.599,96 euros brutos.
A delegación de Deportes, Turismo, Formación e Emprego e as específicas que sexan puntualmente determinadas pola Alcaldía, será asumida por David Rodríguez Pernas, que recibirá unha retribución anual de 18.200,04 euros brutos.
A delegación de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Sanidade e Policía Local, e as específicas que sexan determinadas pola Alcaldía, será asumida por Manuela Méndez Álvarez, que recibirá 13.089,96 euros brutos ao ano.
Todas elas serán dedicacións parciais porque así o marca a lei, pero só sobre o papel porque a dedicación do equipo de Goberno será en realidade e na práctica de exclusividade total co Concello de Cervo.
Ademais, o Concello volverá integrar a un traballador eventual que desenvolverá tarefas de comunicación e información no eido local para dotar dunha maior transparencia, proxección e visibilidade ao municipio en todo o relativo ao tecido social, cultural, económico, deportivo ou patrimonial. Este equipo de goberno considera que “cada vez é máis importante o mundo da información e a aplicación das novas tecnoloxías para a consecución dunha sociedade moderna e avanzada, polo que se trata dunha área estratéxica e de servizo para a veciñanza que recibirá regularmente información do seu interese, ao verse reforzada tamén a presenza de Cervo nas redes sociais e ao intensificar o servizo da páxina web municipal”. A retribución será de 18.200 euros brutos ao ano.
Tal e como xa avanzou Villares días atrás a delegación de Réxime Interior, Zona Rural e Protección Civil, e as específicas que sexan determinadas puntualmente pola Alcaldía, será asumida polo concelleiro Alfredo Antonio Fernández Casas; a delegación de Xuventude e Ecoloxía, e as específicas que sexan determinadas puntualmente pola Alcaldía corresponderalle á concelleira Denise Galán López; e a delegación de Servizos Sociais e Igualdade e as específicas que sexan determinadas puntualmente pola Alcaldía será asumida pola concelleira Mª Concepción Pilar Armada Carrete.

Exit mobile version