Esta iniciativa lévase a cabo con motivo da edición da nova guía sobre as Rutas de Artesanía que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou o pasado día 14 de xuño. No novo material informativo, que está dispoñible na páxina web e nas oficinas de turismo da comarca, proponse ao visitante coñecer a riqueza patrimonial, natural e gastronómica a través da proximidade e sabedoría dos artesáns da Mariña Lucense, principais protagonistas desta iniciativa. A nova proposta consta dunha serie de itinerarios nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e disfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se ubican e da súa contorna próxima.
As xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense teñen por finalidade dar a coñecer con actividades gratuítas para o público xeral esta iniciativa. As xornadas, que deron comezo o domingo 16 de xuño en Cervo, continuaron esta pasada fin de semana en Viveiro coa visita aos ceramistas Otero Regal e Miriam Viveiro cunha visita guiada polo centro histórico e en Burela coa visita ás redeiras e ao barco museo Reina del Carmen. Nas xornadas participaron un total de 31 persoas de distintas procedencias, Asturias, Madrid, Lugo, Vigo e da propia comarca da Mariña Lucense. Os participantes trasladaron a súa satisfacción á organización polo positivo da iniciativa, xa que da man dos artesáns puideron coñecer en detalle e dunha forma interactiva e amena a historia que hai detrás de cada un deles e o proceso de traballo en Regal, Miriam Viveiro e as redeiras. Ademais da visita guiada ao centro histórico de Viveiro, coa que puideron coñecer datos e anécdotas da historia da cidade do Landro, tamén se mergullaron na cultura mariñeira subindo ao barco museo boniteiro Reina del Carmen.
As xornadas rematan este sábado, día 6, cunha nova data en Foz coa visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo e a Caxigueiro e o seu Espazo Caritel.
Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 654 089 894
A continuación os horarios aproximados en Foz:
Foz 06-07
Basílica de San Martiño de Mondoñedo 10:30 – 11:30
Caxigueiro – Espazo Caritel 12:00 – 13:30-14:00 horas aprox.