A Mariña, 8 de xullo de 2019. En Foz remataron o sábado as xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía que organizou a Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. Nesta iniciativa participaron cerca de 90 persoas de distintas procedencias.
Con motivo da edición da nova guía sobre as Rutas de Artesanía que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentada o pasado 14 de xuño, organizáronse nas fins de semana de xuño e este pasado sábado, 6 de xullo, unhas xornadas de portas abertas a obradoiros e recursos de distintas localidades da Mariña Lucense.
No novo material informativo, que está dispoñible na páxina web e nas oficinas de turismo da comarca, proponse ao visitante coñecer a riqueza patrimonial, natural e gastronómica a través da proximidade e sabedoría dos artesáns da Mariña Lucense, principais protagonistas desta iniciativa. A proposta consta dunha serie de itinerarios nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e disfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se ubican e da súa contorna próxima.
As xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense, dirixidas tanto a locais como a visitantes, tiñan por finalidade dar a coñecer con actividades gratuítas para o público xeral esta iniciativa ademais de ofrecer un motivo interesante polo que desprazarse ao territorio antes do comezo da tempada alta.
As xornadas, que deron comezo o 16 de xuño en Cervo, pasaron por Mondoñedo, A Pontenova, Viveiro, Burela e remataron este sábado en Foz coa visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, ao artesán e escultor Caxigueiro e o Espazo Caritel, iniciativa do artista plástico que xira arredor da arte e a natureza e que fixo as delicias dos asistentes coa variedade botánica que alí se concentra.
Nas xornadas participaron preto de 90 persoas de distintas procedencias, Alemania, Asturias, Madrid, Gran Canaria, Lugo, Vigo, Santiago de Compostela, Terra Chá e da propia comarca da Mariña Lucense. As persoas enquisadas valoraron moi positivamente a iniciativa, outorgándolle unha nota de 9,76. A todas elas lles gustaría repetir a experiencia coa que, da man dos propios artesáns, puideron coñecer en detalle e dunha forma interactiva e amena a historia que hai detrás de cada un deles, o seu proceso de traballo e taller así como algúns dos principais recursos turísticos das localidades onde transcorreron as xornadas da man de visitas guiadas e interpretativas. Tras os resultados obtidos dende Turismo da Mancomunidade xa comezan a valorar posibles accións de futuro en torno ao proxecto.