Site icon Crónica3.com A Mariña

Protestas de familiares polo peche de camas e recortes de persoal durante o verán no Hospital da Mariña

cof

Burela a 2 de xuño de 2019. O 21 de xuño dende a CIG-Saúde da Mariña denunciamos o “peche de camas” durante o período estival no hospital, un peche de 9 camas na unidade de hospitalización de cirurxía e 9 camas na unidade de traumatoloxía “ao que temos que sumar as 12 camas pechadas por obras, é dicir 30 camas en total”, explican.

O sindicato nacionalista explicou no seu día que esta medida, que rexeitan, tería tamén consecuencias no eido asistencial e no laboral xa que por mor do peche de camas prodúcese un recorte de persoal nas devanditas unidades de hospitalización, suprimindo unha enfermeira e unha TCAE nas quendas de mañá, tarde e de noite.

Nunha xuntanza celebrada o 19 de xuño a Dirección de Enfermaría comprometeuse a reforzar o persoal cando a ocupación fose maior de 15 pacientes, tanto na categoría de enfermaría como na de TCAE para así garantir unha atención sanitaria de calidade.

O luns 1 de xullo pola tarde, a unidade de hospitalización de cirurxía presentaba unha ocupación de máis de 15 pacientes, concretamente 18 pacientes, dous deles en situación de illamento o que xa de por si provoca unha carga asistencial maior.

A pesares do compromiso da Dirección de Enfermaría só foi reforzada a unidade de hospitalización cunha enfermeira deixando a unha soa TCAE para atender a 18 pacientes.

Esta situación de falta de persoal provocou onte incidentes asistenciais e protestas de familiares ao atrasarse a actividade asistencial e forzando aos profesionais a ter que priorizar os coidados dos pacientes. O incumprimento da Dirección de Enfermaría provocou mais presión sobre os profesionais para que fagan máis con menos, protestas de pacientes e familiares contra persoal, o cal non é responsable da situación, e afectou á calidade asistencial.

Na quenda de noite, a Dirección de Enfermaría non reforzou persoal quedando unha soa enfermeira e unha soa TCAE para atender toda a planta. “É inadmisible que unha soa enfermeira e unha TCAE véxanse obrigadas a atender aos 19 pacientes ingresados na planta, con pacientes illados, polimedicados e pluripatolóxicos, co risco que este ratio conleva para os propios pacientes e traballadores”, denuncia a CIG.

Desde CIG Saúde A Mariña esixen á Dirección de Enfermaría que cumpra os compromisos acadados e que reforce cunha enfermeira e unha TCAE cando o número de pacientes sexa maior de quince e animan aos familiares a presentar reclamacións oficiais en Atención ao Paciente xa que quen sofren estas políticas de recortes son os/as doentes.

CIG Saúde critica á equipa directiva do hospital, “que persiste na súa política de peche de camas”, o que significa unha “maior dificultade ao acceso de prestacións sanitarias por parte da poboación da Mariña, aumento das listas de espera, saturación dos servizos de urxencias e aumento da presión e inestabilidade nos profesionais que impide chegar a coñecer aos pacientes e así garantir unha continuidade nos coidados que precisan”.

“Unha vez máis, a Xerente do hospital mariñao prioriza os recortes e o aforro económico fronte ás necesidades de asistencia sanitaria dos mariñaos e mariñás, así como a precarización fronte á calidade asistencial, poñendo en risco a saúde das persoas”, conclúen.

Exit mobile version