O conflito entre Pedro I e o seu irmán Henrique de Trastamara non responde en Galiza á dialéctica dunha loita dinástica senón que exemplifica a batalla entre un partido galego que apoiaba a causa de Pedro I por representar unha alternativa política que defendía un Reino de Galiza hexemónico no contexto ibérico, ligado a Portugal e vinculado ao mundo atlántico. Segundo Rodríguez “son moitos os exemplos dos apoios da xente da Mariña a esta alternativa encabezada Fernán Ruiz de Castro, señor de Castro e irmán das raíñas Xoana e Ines de Castro, até o punto de que a poboación de Viveiro sublevarase en 1356 no seu favor, conseguindo a súa caracterización como vila de reguengo, dependente directamente do rei, poñendo fin a un preito que o enfrontaba co bispado de Mondoñedo desde facía practicamente un século”. Un caso semellante aconteceu en Foz, “onde a súa veciñanza obtivo autorización para poñer en funcionamento un porto que lle permitira comerciar porén a derrota do bando petrista significara a anulación desa prerrogativa por parte do novo rei Henrique de Trastamara”.
A participación das xentes da Mariña nesa loita e as consecuencias da mesma explican boa parte da historia da comarca no que ficaba de Idade Media e no que será na época moderna e mesmo contemporánea. Segundo Rodríguez “A Mariña non ficará ao marxe da auténtica rebelión de carácter nacional e popular que viviu Galiza nese período e da que saíu derrotado pola acción de tropas mercenarias fundamentalmente de orixe francés, laiándose o propio bispo Mondoñedo da actuación desta forza multinacional coñecida como as Compañías Brancas na zona. A propia creación do condado de Ribadeo estará ligada a este conflito, criándoo o monarca Henrique de Trastamara o 20 de decembro de 1369 para premiar ao mercenario francés e responsábel das Compañías Brancas Pierre de Villenais o seu apoio na loita contra Pedro I na batalla de Montiel”. O trunfo de Henrique de Trastamara, significaría o ascenso dunha nova nobreza , situando neste momento aos Moscoso, orixe do condado de Fontao, un de cuxos membros sería dos poucos nobres galegos que apoiarían ao Trastamara en Montiel.
A clausura da actual edición das xornadas correrá a cargo do antropologo pontevedrés Rafel Quintiá Pereira que falará o xoves 1 de agosto ás 20:30 na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz sobre os “Obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular”.Antropólogo profesional, fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e tamén fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, director da publicación Fol de Veleno. Revista de historia e etnografía de Galiza e autor dunha ampla bibliografía, entre a que destacaremos Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega, Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia e Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. A palestra de Quintiá Pereira achegaranos á antropolxía dos obxectos curativos, como a pedra do raio, ou dos amuletos, alguns deles como o ollomao, e moi especialmente aos vinculados ao mundo do mar, ligando ao papel que cumpren na nosa cultura e na area atlantica e portuguesa.