Foz, 30 de xullo, 2019. As xornadas de historia local organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco continúan hoxe mércores 31 de xullo ás 20:30 na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz cunha palestra a cargo do ensaísta e investigador Francisco Rodríguez Sánchez titulada “O século XIV. Un momento decisivo para A Mariña”, onde nos achegará a unha centuria chave para entender a realidade da nosa comarca. Rodríguez, autor dunha ampla produción bibliográfica no ámbito dos estudos sociolingüísticos, literario e históricos, até o punto de que algunhas das súas obras son referencias inescusábeis nestes materias, fundamentalmente as súas achegas aos autores aos grandes autores do noso rexurdimento literario e ao conflito lingüístico, explicaranos os cambios que se producen en Galiza e na Mariña no contexto dos enfrontamentos da guerra dos cen anos e da loita entre Pedro I, apoiado polos mariñáns, e o seu irmán Henrique de Trastamara. Alén da súa actividade como ensaísta Rodríguez sinalouse pola súa labor política como dirixente político nacionalista, ocupando importantes responsabilidades institucionais en representación do BNG no parlamento galego e no congreso dos deputados.
O conflito entre Pedro I e o seu irmán Henrique de Trastamara non responde en Galiza á dialéctica dunha loita dinástica senón que exemplifica a batalla entre un partido galego que apoiaba a causa de Pedro I por representar unha alternativa política que defendía un Reino de Galiza hexemónico no contexto ibérico, ligado a Portugal e vinculado ao mundo atlántico. Segundo Rodríguez “son moitos os exemplos dos apoios da xente da Mariña a esta alternativa encabezada Fernán Ruiz de Castro, señor de Castro e irmán das raíñas Xoana e Ines de Castro, até o punto de que a poboación de Viveiro sublevarase en 1356 no seu favor, conseguindo a súa caracterización como vila de reguengo, dependente directamente do rei, poñendo fin a un preito que o enfrontaba co bispado de Mondoñedo desde facía practicamente un século”. Un caso semellante aconteceu en Foz, “onde a súa veciñanza obtivo autorización para poñer en funcionamento un porto que lle permitira comerciar porén a derrota do bando petrista significara a anulación desa prerrogativa por parte do novo rei Henrique de Trastamara”.
A participación das xentes da Mariña nesa loita e as consecuencias da mesma explican boa parte da historia da comarca no que ficaba de Idade Media e no que será na época moderna e mesmo contemporánea. Segundo Rodríguez “A Mariña non ficará ao marxe da auténtica rebelión de carácter nacional e popular que viviu Galiza nese período e da que saíu derrotado pola acción de tropas mercenarias fundamentalmente de orixe francés, laiándose o propio bispo Mondoñedo da actuación desta forza multinacional coñecida como as Compañías Brancas na zona. A propia creación do condado de Ribadeo estará ligada a este conflito, criándoo o monarca Henrique de Trastamara o 20 de decembro de 1369 para premiar ao mercenario francés e responsábel das Compañías Brancas Pierre de Villenais o seu apoio na loita contra Pedro I na batalla de Montiel”. O trunfo de Henrique de Trastamara, significaría o ascenso dunha nova nobreza , situando neste momento aos Moscoso, orixe do condado de Fontao, un de cuxos membros sería dos poucos nobres galegos que apoiarían ao Trastamara en Montiel.
A clausura da actual edición das xornadas correrá a cargo do antropologo pontevedrés Rafel Quintiá Pereira que falará o xoves 1 de agosto ás 20:30 na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz sobre os “Obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular”.Antropólogo profesional, fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e tamén fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, director da publicación Fol de Veleno. Revista de historia e etnografía de Galiza e autor dunha ampla bibliografía, entre a que destacaremos Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega, Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia e Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. A palestra de Quintiá Pereira achegaranos á antropolxía dos obxectos curativos, como a pedra do raio, ou dos amuletos, alguns deles como o ollomao, e moi especialmente aos vinculados ao mundo do mar, ligando ao papel que cumpren na nosa cultura e na area atlantica e portuguesa.