Fabián Pérez naceu en Ribadeo en 1993, estudou no Colexio Sagrado Corazón e no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. En 2011 trasládase a Barcelona a cursar a carreira de Xornalismo e dous anos de Ciencias Políticas. Desde 2015 reside en Madrid, cidade á que se desprazou inicialmente para cursar un máster.
Pasou polo diario El Progreso en A Mariña no verán de 2014 e estivo na Cadena SER en Barcelona en 2015. Actualmente traballa como reporteiro no programa Todo es mentira, de Cuatro, presentado por Risto Mejide. O seu vínculo con Mediaset non queda aí, xa que traballou durante tres anos no programa Partido a partido, emitido na plataforma Radioset e na canle Be Mad. Entre estas dúas etapas pasou polo programa Aquí hay madroño, de Telemadrid.
A Fabián Pérez encántalle visitar Ribadeo, onde residen o seu pai e parte da súa familia materna. Está namorado da súa vila, onde participa non só nas súas festas, senón tamén na súa vida social. De feito estes días acudiu a disfrutar do VI Ribadeo Indiano. Fabián Pérez comentou que “por iso ser invitado a dar o Pregón das Festas da Patroa supón para min un orgullo e unha emoción inmensas, así coma un soño feito realidade”.
A comisión organizadora das festas patronais reuniuse nas últimas horas en Ribadeo con Fabián Pérez Rego, que pronunciará o pregón o vindeiro 31 de agosto.