Lugo, 24 de xullo de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé, avanzou este mércores que a voceira socialista do Goberno provincial será a Deputada Pilar García Porto, unha persoa co “perfil, a traxectoria e experiencia necesarios para desempeñar un moi bo papel nesta importante tarefa”, pois conta cunha “gran capacidade de diálogo, é resolutiva e coñece perfectamente a casa e a súa xestión, despois de 8 anos exercendo distintas responsabilidades de Goberno, dos que catro foi ademais vicevoceira do grupo provincial socialista”.
É a primeira vez que unha muller asume o papel de voceira do Goberno provincial, o que tamén pon de manifesto o compromiso do Presidente e de todo o Executivo, tal e como recolle o pacto de goberno, por avanzar na igualdade de xénero.
García Porto entrou na Corporación Provincial no ano 2011, cando asumiu a área de Economía, Recadación e Facenda, labor que compatibilizou coa de vicevoceira socialista na institución provincial. No pasado mandato dirixiu a área de Cultura, Patrimonio Histórico, Artesanía e Deseño, e Educación.
Por outra banda, cumpríndose o avanzado polo Presidente, hoxe foi convocado o Pleno extraordinario para aprobar a organización da Corporación provincial, sesión que se celebrará o vindeiro martes, día 30, ás 11.00 horas, só pouco máis dunha semana despois de que Tomé tomase posesión. De feito, o Presidente puxo especial dedicación en que se preparase toda a documentación necesaria para que este Pleno se celebrase na maior brevidade posible co fin de que o funcionamento ordinario, a normalidade e a tranquilidade da institución á que apelou na investidura se implantase canto antes.