Viveiro, 27 de xullo, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro destaca “o esforzo inversor que o Goberno galego mantén co noso municipio e como demostran as achegas de 750.000 euros coa que fan posible a reforma integral do albergue xuvenil Area e tamén de 221.300 euros para a reforma da estación de autobuses”. Estes 971.300 euros, que supoñen preto dun millón de euros, súmanse a outras actuacións da Xunta coma a recente apertura do aparcamento tralo derribo dos galpóns e acondicionamento do peirao vello, tal e como remarca o voceiro, Óscar Rodríguez.
As obras de reforma no albergue céntranse en tres bloques –a fachada, a substitución de cubertas e a reforma interior- que permitirán mellorar a calidade da estancia dos usuarios e incrementar a eficiencia enerxética das instalacións. Entre as actuacións previstas, algunhas xa se viñeron realizando durante este ano -a reparación de gretas e o pintado da fachada exterior, a colocación de portas de ducha ou a substitución do mobiliario ou a reparación da instalación eléctrica- e, a partir de setembro, continuarán as obras para acondicionar o equipamento. O proxecto para a substitución completa da cuberta e dos falsos teitos interiores está en fase de redacción. A reforma está previsto que remate no primeiro semestre de 2020.
En relación á reforma da estación de autobuses, os populares de Viveiro sinalan “a mellora substancial que suporá para os veciños e usuarios do servizo de transporte por autobús a renovación da estación viveirense que permitirá contar cunhas instalacións máis cómodas, eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles”.
Concretamente, as actuacións previstas permitirán substituír a cuberta da edificación principal, así coma a aplicación de tratamento anticorrosión aos materiais da cuberta da dársena. Así mesmo, as actuacións inclúen a substitución da porta exterior de acceso dos autobuses á dársena e a colocación dun rótulo informativo no exterior que se completarán con outras no interior que afectarán aos teitos, á substitución de cristais e vidros rotos nas portas, á reparación dos aseos e á instalación de pantallas electrónicas informativas.
Máis investimentos da Xunta en Viveiro
“O compromiso do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo co noso municipio reflíctese tamén noutros investimentos que a Xunta ven de achegar a Viveiro”. Nesta liña, cabe nomear “a recente apertura de máis de 300 prazas de aparcamento no peirao vello coa que a Xunta responde a unha demanda dos veciños e veciñas e tamén do sector comercial viveirense. Co investimento de 124.600 euros foi posible o derrubo das últimas catro naves portuarias sen actividade que quedaban na zona e o acondicionamento da explanada que permite dar un paso máis no proceso de recuperación da fachada marítima de Viveiro coa colaboración da Xunta”, lembra Rodríguez.