Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Trabada advirte que a alcaldesa convocou o Pleno de Organización fóra de prazo

Trabada, 27 de xullo, 2019. O Partido Popular de Trabada advirte que a alcaldesa desta localidade convocou o Pleno de Organización fóra de prazo. Trátase dunha cuestión que para os populares “non é menor”, senón que “é un asunto de vital importancia para comezar a traballar canto antes e atender ás demandas dos veciños”.

Concretamente, dita sesión debería de ser convocada no prazo dun mes a partir do constitutivo celebrado o 15 de xuño, tal como establece o art.. 38 do Real Decreto 2568/86 polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime  Xurídico das Corporacións Locais. Por tanto, indican, que dilatar a súa celebración implica que “aínda non saibamos que responsabilidades van coller os concelleiros do PSOE, proposta de salarios, periodicidade dos Plenos e da Xuntas de Goberno, no caso de que as haxa”; cuestións todas elas, afirman, “vitais para o funcionamento do día a día do Concello”.

Ocupada pola Deputación
Os edís do PP censuran que, o que debería de ser un paso inmediato, a rexedora o demorase ata o punto que xa é imposible que se celebre nos tempos fixados organicamente, e non descartan que “esta deixación de funcións” veña dada polas novas responsabilidades que a socialista vén de asumir na Deputación, e “que poden facer que xa se esquecese de Trabada e dos asuntos municipais”. “Sería moi grave que se demostrase que á alcaldesa lle interesa máis ir a Lugo que atender aos seus veciños”, manifestan.

Con todo, agardan que esta sexa “a última” ocasión na que se produza “un episodio semellante” e “manteña ao día” os asuntos municipais, pois isto, indica, “é o mínimo que un alcalde ou alcaldesa debe facer logo de obter a confianza da cidadanía nas urnas”.

Exit mobile version