Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lourenzá denuncia “o escurantismo” do goberno local no proceso para a asignación de salarios

Lourenzá, 12 de xullo, 2019. O Partido Popular de Lourenzá, que lidera Francisco Javier Rodríguez Barrera, denuncia “o escurantismo” do goberno local para asignación de salarios, e que foi aprobada no Pleno de onte, só cos votos a favor dos socialistas. Deste xeito, os populares critican que o executivo incluíse unha suba de 750 euros mensuais para a rexedora e a creación da dedicación de 1.500 euros para o tenente de alcalde “sen que antes de dixese ou informase deste asunto ao respecto”, sobre todo, indica, “porque vimos de pasar por unhas eleccións e esta cuestión tamén se obviou no programa electoral”.

O grupo do PP non cuestiona que a alcaldesa ou o seu número dous cobren do Consistorio, incluso que a primeira se subise o soldo; “o que realmente vemos denunciable é que o fagan deste xeito”. Barrera amósase “indignado” co proceder dos socialistas, sobre todo, porque hai catro anos, si que anunciaran “a bombo e platillo” a supresión do soldo do tenente de alcalde ou a redución do da alcaldesa. “É dicir cando lles interesa dino e, cando non, calan. Como tamén omitiron, di, que esta operación, ao rematar a lexislatura, suporá un gasto a maiores de 126.000 euros do que viña sendo ata agora”.

Situación semellante acontece, segundo apunta o voceiro popular, co Regulamento de Participación Cidadá ou a RPT. Os dous asuntos non só aparecían recollidos no programa de 2015, senón que incluso antes das eleccións de maio, os socialistas advertían “que estaban con eles” e, sen embargo, “malia ter tempo dabondo para executalos moito antes, aínda non avanzaron en nada”. “Entendemos que para eles todo pode esperar e é menos importante que aprobar os soldos”, apunta Barreira.

Representación na Mancomunidade
Dende o PP tamén censuran os criterios cos que o goberno xustificou no Pleno a representación que terá Lourenzá na Mancomunidade de Municipios da Mariña, pois o alegato que empregaron para deixar fóra da mesma ao Partido Popular, foi por razóns “de ideoloxía”, tal e como recoñeceron publicamente os socialistas; cuestión que para os populares “é indignante”.

Ata o de agora, era de costume que figurasen en dito órgano o alcalde ou alcaldesa e un concelleiro do mesmo grupo. Neste caso, variouse o criterio e concedéuselle esta designación ao Bloque Nacionalista Galego. “Denunciamos o amaño que fixeron pero, sobre todo, que se amparen en cuestións ideolóxicas para determinar algo tan importante coma isto. “Gustaríame que en Lourenzá se goberne para todos non por ideoloxía”, sentencia.

Exit mobile version