Lugo, 17 de xullo, 2019. O PP de Lugo censura o espectáculo lamentable que os socialistas están dando na provincia cando aínda non se sabe se mañá tomarán as rendas do Goberno da Deputación, posto que onde o PSOE ve un acordo pechado o BNG segue indicando que hai flecos por resolver.
Desde o PP demándalle aos socialistas que deixen de empregar a Deputación de Lugo como moeda de cambio, como arma política e de contratación de afíns, tal e como hoxe mesmo desvelaba o alcalde de Castroverde, cando aínda nin tomaron posesión. “O PSOE de Lugo vive un momento de descomposición que xa non poden ocultar, polo que lles esiximos que os seus problemas internos non salpiquen ás institucións, como a Deputación de Lugo”.
Nos últimos días son continuos e sorprendentes os intercambios de insultos entre os candidatos á secretaría xeral do PSOE de Lugo, hoxe incluso co ofrecemento de postos de traballo na Deputación de Lugo, tal e como revela un dos candidatos nos medios de comunicación e con duras críticas ao secretario de Organización e presidente da xestora pola súa falta de neutralidade no congreso dos socialistas.
Así, José María Arias dicía hoxe que o que está pasando é algo “inédito”, porque “este señor, que tería que ser neutral”, está incluso “intentando comprar” ás “agrupacións pequenas” coa promesa “de cargos na Deputación”, tanto de “asesores, como de libre designación ou como cargos de confianza”. “É unha marrullería e teño probas, porque os compañeiros chámanme para avisarme”, recollen os medios de comunicación.
“Atrás deberan quedar prácticas clientelares e partidistas que xa tivemos que vivir na Deputación de Lugo, polo que esperamos que isto non se repita e que sexan dignos da institución que van representar”. Por iso, desde o PP reclámanlle aos socialistas que alguén asuma as responsabilidades que corresponda e non atenten, novamente, contra a imaxe da institución”.
O PP, o único cun proxecto de provincia
“No PP temos como único obxectivo mellorar esta provincia, presentar un proxecto serio para levar a cabo, pero no PSOE, a un día de constituírse a Deputación só lles preocupa o reparto de postos e o intercambio de insultos entre uns e outros. É vergoñento”, lamentan.