Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de organización do Concello de Ribadeo celebrarase este xoves. O Alcalde xa fixo a delegación de atribucións nos concelleiros do equipo de goberno

 Ribadeo, 2 de xullo de 2019. O pleno de organización do novo mandato no Concello de Ribadeo terá lugar o vindeiro xoves, 4 de xullo. Na sesión abordaranse cuestións como a delegación de atribucións en concelleiros delegados, as dedicacións exclusivas, a creación da xunta de voceiros e a creación e composición das comisións informativas, entre outros asuntos.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “temos convocado o pleno de organización da Corporación para este xoves. Nesta sesión configúrase o goberno para este período 2019-2023 e levamos traballando todos estes días, desde a constitución da Corporación e a elección do alcalde, o día 15 do mes pasado, e agora é cando toca asignar as competencias, as tarefas e as responsabilidades aos diferentes membros do goberno. E para iso as persoas que estiveron no goberno anterior continuarán ao mando das áreas que dirixían, pero con incremento doutras novas responsabilidades. E as persoas que entraron agora novas, atendendo á súa formación e á súa experiencia profesional, levarán o resto das áreas, sempre, como non, atendendo aos principios de eficacia, de transversalidade e de compromiso leal e honesto con Ribadeo”.
O rexedor contou que “de aí que Mari Luz Álvarez Lastra leve Igualdade, Ensino é Mocidade; Pablo Vizoso Galdo levará Economía, Desenvolvemento Local e Turismo; Mónica Freire Rancaño levará Servizos Sociais e Obras; Jesús Mundiña Acebo levará Medio Rural, unha área moi grande integradora de moitos aspectos; María del Pilar Otero Cabarcos levará Cultura e Consumo, unha área tamén importantísima; e Jorge Díaz Freije levará Medio Ambiente e Deportes, incluíndo en Medio Ambiente a Limpeza Viaria, Parques e Xardíns, Praias, etcétera”.
Suárez Barcia seguiu a relatar que “para todo isto crearemos unha Xunta de Goberno de 5 persoas, na que, aparte do alcalde, catro delas serán tenentes de alcalde, empezando pola primeira, que será Mari Luz Álvarez Lastra; a segunda, Pablo Vizoso; a terceira, Mónica Freire; e a cuarta, Pilar Otero”.
O alcalde ribadense manifestou: “en canto ás liberacións de membros do goberno hai que recordar que neste mandato anterior tivemos dúas e media e agora en principio, a día de hoxe, sen prexuízo do que poida acontecer en Corporacións supramunicipais, como a Deputación de Lugo, poñemos por caso, no Concello de Ribadeo liberaranse dúas persoas: unha delas o alcalde e a outra o concelleiro de Medio Ambiente e Deportes. Hai que ter en conta que o límite legal máximo para un Concello da nosa poboación son tres dedicacións exclusivas máximas, unha de persoal eventual e sen límite para as dedicacións parciais. Por tanto, non hai dedicacións parciais, non hai persoal eventual, e das tres máximas exclusivas soamente imos usar dúas”.
O rexedor dixo: “en canto ao importe das retribucións continuarase coas mesmas que se viñan percibindo e que incluso non superan o que establece o Real Decreto 24/2018 para Concellos da poboación de Ribadeo. Neste caso as retribucións do alcalde son un líquido de 2.390 euros ao mes, por 14 pagas, e o concelleiro delegado de Medio Ambiente e de Deportes cobrará o mesmo que a persoa que no mandato anterior levou outras áreas, que é un equivalente a 1.739 euros líquidos por 14 pagas”.
Fernando Suárez engadiu que “polo tanto con este goberno máis a periodicidade dos plenos, a constitución dos grupos e unha serie de asignacións económicas para eles confiamos en iniciar esta singladura destes catro anos de moito traballo, moita ilusión e moitos soños que cumprir. Confiemos tamén noutras institucións, como a Deputación de Lugo, e en todo o que o Concello de Ribadeo poida, humildemente, aportar co seu grao de area de experiencia e de facer cousas boas para os veciños e veciñas non soamente deste concello senón tamén do resto da comarca”.

Exit mobile version