Burela a 10 de xullo de 2019. A sanidade pública «continúa en estado de auténtica emerxencia» a consecuencia das políticas do PP e a Atención Primaria «está sendo unha das principais damnificadas», denuncia a CIG Saúde A Mariña.
“Hoxe mércores 10 de xullo, no Centro de Saúde de Viveiro, de 7 médicos de familia na quenda de mañá, só quedaron 4 ao non cubrir o SERGAS ningunha das 3 ausencias actuais: unha por un cargo político na Subdelegación do Goberno de Lugo e dúas por vacacións”, denuncian.
CIG Saúde xa ten denunciado en numerosas ocasións que sistematicamente, ano tras ano, as vacacións que por dereito lles corresponden ao persoal médico do Centro de Saúde non se cubrían. Esta circunstancia leva a un evidente deterioro na atención médica aos pacientes debido a unha acumulación de traballo do persoal facultativo do centro ao ter que asumir a atención dos pacientes asignados aos outros médicos. Se a isto lle sumamos que en época estival a poboación de Viveiro duplícase ou triplícase podemos sacar a conclusión de que a situación agravase moitísimo máis producíndose un auténtico colapso no Centro de Saúde que afecta á calidade asistencial. “Non se pode prestar unha asistencia sanitaria de calidade cando os profesionais teñen que asumir o traballo propio e o de compañeiros que non son substituídos”, afirman.
“Unha das solucións do SERGAS foi presentar un novo contrato eventual de continuidade para o persoal médico, e que agora quere facer extensible ao persoal de enfermaría, rexeitado polos profesionais e pola CIG. Un contrato que non é digno nin para os profesionais nin para as persoas que son atendidas. Un contrato no que non hai nin estabilidade nin posibilidade de conciliar, perpetuando e normalizando a precariedade”, denuncian.
É necesario, polo tanto, que a propia Consellaría resolva definitivamente o problema facendo as previsións necesarias para que se cubran todas as ausencias que por vacacións ou outros motivos se produzan no centro sanitario de Viveiro e consideran que “é necesario dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio”, conclúen.