Burela, 27 de xullo de 2019. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que o Concello quere adecentar as rotondas de acceso á localidade “vindo desde Foz”. O rexedor destacou a labor realizada polos alumnos do obradoiro de xardinería, que rematou estes días, en zonas como o Campón ou na contorna de Capitanía Marítima.
Alfredo Llano subliñou que “un dos obxectivos que ten o Concello de Burela é tratar de ofrecer o máximo posible en temas educativos e de formación, polo tanto estamos moi interesados en ofrecer un obradoiro todos os anos. Eses obradoiros se diversifican en temas moi importantes para o Concello como poden ser a xardinería, a pintura ou de calquera outro tema que despois poida ter unha empregabilidade case asegurada para os alumnos e alumnas que acudan. Acabamos de rematar un obradoiro de xardinería que fixemos conxuntamente cos Concellos de Cervo e de Xove, e para este ano xa temos convocado outro obradoiro de pintura”.
O rexedor explicou que “no obradoiro de xardinería fixeron unha labor extraordinaria tanto os alumnos como os profesores e os encargados, que realmente chama a atención. Levamos xa dous anos facendo obradoiros de xardinería no Concello, déronlle un cambio e aportaron moitísimo á estética en todo o concello. Hai unha cousa que se fixo novidosa que é o xardín que se preparou na zona do Campón. Estaba completamente a herba e agora si que ten todo o aspecto de ser un parque onde vai moita xente sacar fotos alí, incluso fotos de vodas. Realmente chama a atención as composicións e as flores que ten. Hai outras zonas que tamén quedaron cambiadas como na contorna da Capitanía Marítima, onde se aprecia esta labor extraordinaria que fixeron neste obradoiro”.
Llano adiantou a intención do Concello de mellorar as rotondas de acceso á localidade: “ademais nos van pasar unha serie de deseños para adecentar as rotondas, sobre todo vindo de Foz, a que hai ao chegar a Burela, pertence a Portos de Galicia, pero xa o temos falado e imos chegar a un acordo con eles para preparar esas rotondas, e que sexan un atractivo máis para o noso concello”.