Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo organiza para este sábado unha xornada de pilotaxe de drons

 Mondoñedo, 17 de xullo de 2019.- O Concello de Mondoñedo organiza para este sábado día 20 unha xornada de pilotaxe de drons. A actividade, de entrada libre, desenvolverase na Alameda de Mondoñedo a partir das 10:30 horas.
Beatriz Meilán, concelleira de Igualdade, Conciliación e Xuventude do Goberno local, precisa que “nunha época na que as tecnoloxías gañan peso desde o Concello de Mondoñedo queremos achegar á xente a oportunidade de coñecer e manexar os drons, polo que os convidamos a participar na xornada do sábado”.
Para todos os públicos
A xornada interxeracional de coñecemento do patrimonio con drons está subvencionada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e está dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos e tamén a persoas maiores que queiran descubrir o mundo dos vehículos aéreos non tripulados.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, agradece a colaboración do Goberno galego para poder levar a cabo esta iniciativa que permitirá, tanto á mocidade como aos maiores, ampliar as súas competencias tecnolóxicas.
Os expertos ensinaranlles aos participantes o funcionamentos dos drons e terán a oportunidade de poder pilotalos.
En setembro o Concello de Mondoñedo organizará unha nova xornada que tratará de como aplicar os drons aos recursos da horta.
Os interesados en participar poden obter máis información no número 982507105.

Exit mobile version