Barreiros, 18 de xullo de 2019. O Concello de Barreiros estuda as consecuencias da actuación de parte do persoal de socorrismo que se negou a cumprir as indicacións do coordinador, deixando a praia de Coto sen cobertura.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explica que “ao inicio da tempada propúxose que o propio persoal organizase o cuadrante, ao considerar que a profesionalidade e o seu coñecemento podería facilitar esta cuestión, amosando unha clara confianza cara as persoas que ocupan ditos postos. A realidade é que o cuadrante que se elaborou tomando como referencia anos anteriores incumpría a legalidade no relativo ao tempo de descanso e realización de horas extras, polo que tivo que ser modificado a posteriori.”
Partindo de non deixar areais con unha soa persoa, que o propio persoal marcou como liña vermella (pese a que o primeiro dos cuadrantes elaborado por eles mesmos non cumpría esa premisa) elaborouse un cuadrante no que se cubrían algunhas praias, entre elas a de Coto só en fins de semana. “A raíz do rescate que se levou a cabo o domingo pasado, onde foi fundamental a participación do persoal que estaba en Coto, e tendo en conta a extensión, perigosidade e afluencia desa praia, desde o goberno, con asesoramento do coordinador, optouse por asignar dúas persoas que estaban noutro areal a Coto.”
Esta indicación foi trasladada ás persoas interesadas polo coordinador e tamén pola propia alcaldesa, negándose a cumprila e deixando desatendida a praia de Coto, producíndose unha clara situación de indisciplina e desobediencia no traballo que, ademais, está afectando á prestación do servizo.
O goberno do PP non afrontaba as súas obrigas e cedía sistematicamente a calquera petición, sen analizar as consecuencias de seguridade, legalidade e económicas.
Desde o goberno municipal aseguran que esta situación vén dada pola falta de planificación anterior e porque non existía en tempadas anteriores un organigrama claro, á vista de que a organización se realizaba polo propio persoal, mesmo incumprindo a legalidade laboral.
En tempadas anteriores a organización do servizo non atendía a criterios do goberno, senón que se coordinaba desde o servizo, producíndose claras situacións de ilegalidade e de despilfarro económico.
O goberno que presidiu Alfonso Fuente dedicouse exclusivamente a asinar nóminas de miles de euros (algunhas próximas aos 3.000 euros líquidos mensuais) para evitar afrontar as súas responsabilidades. “Polo tanto, que non veña agora a dar leccións de nada, porque a situación actual é consecuencia da súa falta de xestión e da súa incapacidade para gobernar; xa que este traballo tiña que quedar organizado de antes. Porque el tivo coñecemento da redución da subvención da Xunta mentres era alcalde e non moveu un dedo para defender os intereses de Barreiros nin para tentar salvar a situación. ”
“Vir agora a erixirse en portavoz do persoal de socorrismo cando mentres gobernou nin se dignaba a reunirse con eles, di moito do tipo de político e de gobernante que foi e é.”, conclúe Ana Ermida.