Burela, 5 de xullo de 2019. Desde o BNG manifestaron estar sorprendidos polo fallo do TSXG que ordena a repetición das eleccións nunha única mesa de Burela, tendo en conta que os electores da mesa U do Perdouro xa saben o que votaron as restantes 9 mesas do Concello o pasado 26 de maio.
O portavoz municipal en funcións do BNG, Mario Pillado, adiantou que “esta medida supón un trastorno para os veciños e veciñas de Burela, así como para o correcto funcionamento do Concello, ao atoparse nunha situación de interinidade ata que se convoquen de novo eleccións e se constitúa a nova corporación municipal”.
Os nacionalistas aproveitaron para criticar a Burela Sempre pola súa incoherencia por presentar recurso contencioso despois de non ter presentado reclamación algunha durante o escrutinio en relación aos votos nulos da mesa U do Perdouro. Neste sentido, desde a formación frontista indicaron que a candidatura de Carlos Peinó contaba con apoderados que poderían ter presentado as reclamacións oportunas se houbese algunha incidencia cos votos nulos.
Mario Pillado ve na repetición das eleccións unha oportunidade para reforzar a posición do BNG como peza chave na futura corporación.
Desde as filas nacionalistas animan a participar aos veciños e veciñas que serán chamados novamente ás urnas porque “a pesar das circunstancias, nunca se debe renunciar ao dereito a voto”, sinalou Pillado.
O portavoz nacionalista agarda que os electores non se deixen condicionar polo resultado de maio e que voten pensando no mellor para Burela e fai un chamamento ao xogo limpo por parte de todas as formacións políticas para garantir que a xente vote libremente e sen presións de ningún tipo.
“Desde o BNG mantenos a mesma ilusión que na anterior convocatoria e confiamos en que a próxima cita eleitoral sirva para reforzar a nosa presenza no Concello porque a nosa voz é fundamental na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Burela”, concluíu Pillado.