Foz, 9 de xullo de 2019.O BNG de Foz vese na obriga, unha vez máis, de saír denunciando publicamente a falta de medios, neste caso humanos, no Centro de Saúde de Foz. Ademais do peche de 30 camas no Hospital da Costa neste verán, a atención primaria neste caso conta co mesmo mal trato que a atención hospitalaria por parte do PP.
Nestes últimos días, ante a falta da pediatra, o SERGAS só cubreu parcialmente esa ausencia, quedando algunhas xornadas sen servizo, co futuro retraso que isto vai conlevar en canto ás revisións que se tiveron que aprazar, nunha especialidade tan saturada xa de por si como é pediatría.
Algo similar sucedeu tras o traslado previsto da médica de quenda de tarde, que se veu cubrindo nos últimos 15 días cun reforzo de algunhas horas e co outro médico de cupo de tarde. Unha pésima xestión dos recursos nunha quenda que segundo os que din ser xestores do SERGAS, había suplir ao servizo de urxencias que no ano 2011 o PP amputou ao CS de Foz. Nin urxencias nin médico de cupo, brillante.
Seguimos sen novas dunha nova volta na asfixia sanitaria da Mariña. Nun sorprendente e pouco explicable retraso, non temos a resolución do procedemento do Servizo de transporte sanitario urxente terrestre de Galiza. Debía resolverse o 23 de maio, despois quedou en suspenso e finalmente foron abertos os sobres A o 19 e o B o 25 de xuño, en días diferentes ao previsto. A data de hoxe non se coñece a resolución da mesa de contratación. Previamente foi imposible atender a unha petición parlamentar do BNG, que quería modificar os criterios de valoración do concurso, para que se dera máis relevancia ás melloras en material e persoal en lugar de dar maior puntuación aos criterios económicos. Foi rexeitada polo PP. Agardarán ao mes de agosto para confirmar o procedemento de recorte do servizo, toca tamén en atención primaria e especializada. O mesmo que cando eliminaron a Area Sanitaria da Mariña.
Desde o BNG, esiximos ao SERGAS que cubra totalmente todas as ausencias, sexan baixas, permisos ou vacacións do persoal, calquera día do ano, pero con máis motivo na tempada estival pola casuística deste concello, que duplica a poboación nos meses de xullo e agosto.
Non nos cansaremos de pedir unha dotación adecuada de persoal e material nos servizos sanitarios da Mariña, non é de xustiza xogar coa nosa saúde e seguiremos a denunciar estas situacións mentres non se solucionen .