Mondoñedo 4 de xullo do 2018. Eloi Cabanas voceiro do BNG no concello di que Elena Candia ten una actitude “hipócrita” cos problemas derivados do peche da A-8 como consecuencia da néboa e critica o compracente que foi durante a etapa que gobernou o Partido Popular no Estado.
“Se a N-634 non está en condicións óptimas de absorber tanto tráfico cando a néboa obriga a cortar a A-8 tamén o estaba despois da inauguración do tramo da autovía fai agora cinco anos e medio”, sinala o edil nacionalista.
Cabanas pregúntalle á alcaldesa de Mondoñedo cales foron as xestións que fixo desde a alcaldía para que as obras de mellora anunciadas en varias ocasión na N-634 se executaran en todos estos anos.
Segundo o nacionalista a alcaldesa de Mondoñedo e outros representantes públicos do Partido Popular anunciaron publicamente en varios foros a existencia dun proxecto en fase de redacción para obras de mellora que incluían, aglomerado en quente, melloras na sinalización, limpeza e perfilado de cunetas ou o cerramento de tramos para evitar a entrada de animais á estrada que está sen executar.
-TERCEIRO CARRIL-
O BNG xa propuxo en 2015, no pleno de Mondoñedo, prolongar o terceiro carril ata a rotonda de enlace coa A-8 e que foi aprobado de forma unánime por todos os grupos.
“Sería unha alternativa aos continuos peches da A-8 no Fiouco, xa que moitos transportistas decidiron desistir xa de utilizar a autovía pola perigosidade do Fiouco e tamén polo menor consumo de combustible que supón o traxecto de 18km pola N-634, que aínda que son 2 máis ca o traxecto por autovía, o tempo é practicamente o mesmo e o aforro económico é moi considerable”.
Eloi Cabanas lamenta a falta de compromiso dos diferentes gobernos do estado cos problemas do peche da autovía “seguimos sen saber nada dos proxectos experimentais para quitar a néboa onde había 6 millóns de euros orzamentados e as balizas instaladas nun tramo a modo de proba para mellorar a seguridade no tráfico tampouco están dando o seu froito, así que hai que continúar pechando a autovía cada vez que hai néboa” lamenta.