Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo denuncia o estado de abandono que presenta o cemiterio vello municipal

 Mondoñedo, 24 de xullo do 2019. O BNG de Mondoñedo critica o mal estado de conservación e mantemento do cemiterio vello municipal e presenta un rogo para o pleno do vindeiro venres no que insta ao goberno municipal a que se corrixa o antes posible as deficiencias que presenta.
O cemiterio vello mindoniense é un punto de visita promocionado polo concello xa que ademais de albergar a tumba de ilustres personaxes mindonienses como Pascual Veiga, Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro, tamén ten a particularidade de contar con varios espazos diferenciados onde se soterraban as diferentes clases sociais da cidade.
Segundo o voceiro nacionalista no concello, Eloi Cabanas, este Ben de Interese Cultural presenta un mal estado de conservación, “as zonas verdes límpanse con pouca frecuencia e as tumbas e os panteóns teñen elementos rotos ou con ameaza de caída”.
Tendo en conta a época do ano, onde a afluencia de visitantes a este lugar é maior, o portavoz do BNG demanda canto antes medidas oportunas para a conservación e o mantemento do espazo e que se corrixan os puntos que fan perigar a seguridade física dos visitantes.
-ROGOS E PREGUNTAS-
O BNG no concello rexistra outros rogos e preguntas para o pleno do venres e que teñen que ver coas demandas que lles fan chegar os veciños e veciñas do concello.
Eloi Cabanas pide a instalación de marquesiñas no barrio de Pedrido, “esta é unha demanda das ANPAS do concello desde fai catro anos e aínda está sen materializar”.
Solicita un indicador dirección Maariz desde a N-634 e o arranxo dunha pista que vai desde a Casería a ata Barbeitas e tamén pregunta polo inicio das obras do aparcamento da Travesía Casas Novas xa que segundo BNG o pasado mes de marzo o Ministerio de Fomento aprobou o proxecto de acondicionamento do aparcamento por un orzamento de 131.174,47 €. “Non sabemos o motivo polo cal se demora tanto a execución do proxecto ou se existe algún problema co financiamento da obra”.

Exit mobile version