O rexedor ribadense, Fernando Suárez, manifestou que “recibimos ao conselleiro de Industria para que veña verificar todo o traballo que se estivo facendo ao longo destes últimos meses con este obradoiro, que estivo funcionando moi ben e que está a piques de rematar, igual que funcionou ben o outro que tivemos co arquivo e co rexistro de documentación no Concello”.
O alcalde salientou que “con este obradoiro, desde o punto de vista medioambiental, se foron facendo moitas actividades e moitas accións en diferentes puntos do concello ao mesmo tempo que procurando unha formación moi interesante para a xente en situación de desemprego, que agora vai ter unha formación adicional para un mercado de traballo que se lles abre E que quizais sen este obradoiro non terían tanto acceso”.
Fernando Suárez dixo que “desde o Concello queremos valorar o compromiso que tiveron desde a Xunta con estes obradoiros, que hai que recordar que nunha parte moi importante proveñen de fondos da Unión Europea. Solicitamos, outra vez, outros dous novos obradoiros que confiemos sexamos merecedores de recibilos”.
Alí en Vilela, coa axuda dos nenos e nenas, o conselleiro e o alcalde plantaron un carballo. E despois dirixíronse a Arante para supervisar as obras realizadas tamén polo obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño no santuario de Nosa Señora de Arante.