Burela, 19 de xullo de 2019. O Monte Castelo acollerá a súa tradicional romaría dos días 25 ao 28 deste mes de xullo. O alcalde, Alfredo Llano, anima a participar nesta cita, que se presentou nas últimas horas. O rexedor dixo que aínda quedan algunhas parcelas libres para poder gozar desta festa coa familia e cos amigos.
Llano sinalou que “no monte Castelo de Burela imos iniciar a romaría que basicamente é para os veciños e para as familias, para estar alí a gusto tres ou catro días, participando en todo aquilo que hai alí, nas acampadas e nas actividades, que hai moitísimas”.
O alcalde quixo “animar á xente que queira ir. Hai aínda algunha parcela libre. As persoas interesadas que suban e reserven o seu espazo para disfrutar durante eses días, desde o 25 ata o 28 que remata a festa. Ese 28 pola mañá, o domingo, haberá unha misa e unha procesión, e despois xantar e recoller”.
O rexedor burelés comentou que “son catro días que sempre motivan á xente a estar máis contenta e alegre. Así que toda a que queira participar, sexa de Burela ou non, ten alí uns espazos aínda para poder montar o que considere necesario para estar a gusto durante eses catro días”.
A romaría está organizada pola asociación Amigos do Monte Castelo e polo Concello.