Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde apela ao civismo da veciñanza de cara á celebración da Xira de Santa Cruz a primeira fin de semana de agosto. Suárez Barcia aposta por fomentar a súa preservación e promoción

Ribadeo, 25 de xullo de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, apela ao civismo de cara á celebración da Xira de Santa Cruz, que terá lugar dentro duns días. Faino a través dun Bando no que lembra que se trata dunha cita de interese turístico de Galicia que se leva celebrando desde os anos 40, “motivo polo que debemos fomentar a súa preservación e promoción”.
Nese Bando Suárez Barcia sinala que “como en anos anteriores, preocúpanos seriamente a falta de civismo que se ten observado na celebración desta romaría, aínda que compre destacar a melloría do pasado ano 2018. De ningún xeito queremos que se acabe coa orixe, propósito e significado desta festa, podendo incluso chegar o momento de que xa non teña razón de ser”.
O alcalde insiste en que “de novo nesta edición de 2019 queda prohibido realizar cerramentos de recintos na área recreativa con plásticos ou calquera outro material non acorde co entorno, así como dispoñer mobles ou calquera outro material que non vaia co entorno”. E subliña que “incumprir o interior considerarase como disposición de residuos nun lugar non autorizado, coa consecuente posibilidade de incoación de expediente sancionador para os responsables”.
Fernando Suárez engade que “se permite a reserva de espazos dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia, que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandona o lugar. E por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz”.

Exit mobile version