Lugo, 23 de xullo de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, presidiu a toma de posesión da Secretaria Xeral da Deputación de Lugo, María Esther Álvarez Martínez, un acto que tivo lugar este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos e ao que asistiron deputadas e deputados provinciais, representantes de colexios profesionais, traballadores e traballadoras da institución provincial e familiares da funcionaria.
Tomé Roca destacou que “a incorporación de María Esther Álvarez suporá un avance para a eficiencia da administración pública que permita ofrecer cada vez un mellor servizo á cidadanía, grazas a súa longa e impecable traxectoria de servizo público”. Ademais o Presidente, en nome de toda a Corporación Provincial, desexoulle “sorte e éxito nesta labor, porque ese éxito tamén será o da Deputación e o da provincia”.
Pola súa banda, a Secretaria mostrou o seu agradecemento á Corporación e asumiu o cargo “con lealdade, responsabilidade e dedicación, como sempre fixen, desde o compromiso co servizo público que guía o meu traballo diario”.
Álvarez Martínez, naceu en Palacios de Sil (León) en 1960, licenciouse en Dereito na Universidade de León. Viña exercendo o cargo desde novembro de 2018, cando tomou posesión como Secretaria da Deputación en comisión de servizos, sendo a primeira muller en desempeñar este cargo. Anteriormente ocupou a secretaría no Concello de Arteixo, A Coruña, durante máis de 23 anos. En 1988 superou as probas selectivas que permiten o acceso ás subescalas de secretaría de entrada e secretaría-intervención, sendo o seu primeiro destino o Concello de Agüimes, na provincia de Las Palmas.
A Secretaría é un dos postos de maior responsabilidade na administración local xunto con Intervención, o órgano de control económico, é chave para o funcionamento cotián da Deputación. A Secretaria dá o asesoramento legal sobre procedementos administrativos e o exercicio da fe pública na institución provincial, é a encargada de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.