Site icon Crónica3.com A Mariña

“Lourenzá. Lembranzas do milenario da Fundación do Mosteiro”, Por Manuel Román Ramos

Vai para 50 anos que se celebrou o milenario da fundación do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá. A data oficial da orixe no cenobio laurentino é o ano 969 (1007 da era hispánica), aínda que hoxe moitos historiadores cren que, polo menos, xa no ano 947 cantaba o coro en Vilanova; e que o ano 969 foi cando o conde Osorio Gutiérrez subscribe o documento dotacional do mosteiro, ao que tradicionalmente se lle chama Testamento do Conde Santo.
Pertencente a Alta Idade Media, un período histórico confuso e pouco documentado, pouco se sabe da figura e vida deste conde, membro da poderosoa familia dos Osóriz. Crese que nacería en Terra de Campos e que despois de guerrear contra os mouros decide retirarse nun val preto da costa cantábrica, onde se sentiu engaiolado polas belezas naturais da paisaxe, e por elas, nelas se quedou. A poderosa imaxinación de Álvaro Cunqueiro retratouno ao seu xeito: “Sería louro, como toda a rexia xente gótica leonesa e contemplaría o vizoso val, onde fundou, coa amizade dos seus ollos azuis”.
A lenda mestúrase cos poucos datos históricos que del quedan, como moi ben nos di o historiador Carlos Baliñas Pérez: “A figura do magnate galego Osorio Gutiérrez ten sido obxecto de moi diversos enfoques ao longo dos máis de mil anos acaecidos dende a súa morte. Do poderoso nobre, señor da Mariña cantábrica e da Valibria, propietario latifundista de aldeas e terras esparexidas por toda a xeografía de Galicia e mesmo do reino de León, conde e membro do consello rexio, parente e home de confianza dos reis galaico-leoneses; apenas quedan como legado da súa traxectoria vital un feixe non moi abundante de documentos, un singular enterramente e a fundación do mosteiro de Lourenzá”
Ao redor do sepulcro paleocristiano creouse unha romaría en honor ao Conde Santo, que aínda sen estar canonizado pola Igrexa o pobo sempre o tivo por santo. Romaxe e peregrinación. Xa en 1573 o cronista D. Ambrosio de Morales di que: “naquelas terras téñeno por Santo e a el concorren o día da súa festa, o último día de agosto (sic), moitos romeiros. Hai escritos moitos milagres”. O P. Yepes incide de que os enfermos póñense debaixo do sepulcro, levantado sobre dúas columnas, e gustan de topar coa cabeza e coas mans na santa arca, a cal está furada; teñen a devoción de meter por alí os dedos para tocar os ósos do santo a así conseguir os favores implorados.
O poder de convocatoria dos frades bieitos laurentinos actuou como unha caixa de resonancia e fixo que a sona da festa do Conde Santo se estendese por todas as terras veciñas, dende Ferrol a Asturias, e dende a Terra Cha aos vales máis próximos do Valadouro e Mondoñedo.
Á inicial festa relixiosa o pobo foi engadíndolle a festa profana: comida e música. A xente estendía manteis coas súas merendas nos camposos, soutos e carballeiras que circundan a vila, xunto cos xantares que se servían nas tabernas e casas de comidas, para rematar con bailes ao son, primeiro, de gaiteiros do país, e mais adiante con bandas de música e afamadas orquestras.
A principios do século XX (1906) a revista focense Gau Gau describía: “El Conde Santo. ¡Otra vez la hermosa Lorenzana haciendo alarde de farolillos y de gallardetes! Otra vez los gigantes por las calles, seguidos de las músicas, fuegos de artificio, bombas reales, misa a toda orquesta, bailes concurridísimos y lo que más aviva nuestros amores para con Galicia, la mimosa gaita gallega ‘que eu non podo decirvos se canta ou se chora’, tocada nada menos que por Ventosela, el eximio gaiteiro”
Pasaron os anos e chegou a data, 1969, da efémeride reseñada: o milenario da fundación. O pobo e as autoridades locais dispuxéronse a celebrar uns festexos acordes coa importancia do evento. Xunto coas celebracións populares e relixiosas preparáronse actos institucionais que foron presididos polo, por aquel entón, ministro de Información e Turismo, D. Manuel Fraga Iribarne. Como pregoeiro convidouse ao escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, quen por certo non fixo acto de presenza; ignorándose para esa intervención ao laurentino e académico Francisco Fernández del Riego quen non contaba coas beizóns do Réxime daquela imperante.
Un ano antes (1968) La Voz de Galicia xa recollía informacións sobre o acontecemento: “LOS MIL AÑOS DEL MONASTERIO DE LORENZANA. Lorenzana es un valle riente, como el rostro sonrosado de las vírgenes góticas, de ascendencia nórdica, que los monjes gustaban de rezar. Los monjes que se fijaron en Lorenzana eran benedictinos y estuvieron casi mil años. Lorenzana, la villa, como tantas otras de hispánica tierra, nació al calor de los muros del enorme monasterio. Como recuerdo vivo del asentamiento de los monjes en el feraz valle, ha quedado su pétrea fábrica y su iglesia bella, impresionante y monumental.
Los monjes plantaron aquí sus raíces en el año 969. Va, pues, para el milenario la fundación del monasterio de San Salvador del Valle (sic). Y la iglesia no es, por tanto, la primitiva, sino una iglesia barroca del siglo XVII con una fachada debida a Fernando Casas Novoa, el arquitecto del Obradoiro compostelano y de la capilla catedralicia lucense de la Virgen de los Ojos Grandes”
No ano 1969, a Dirección Xeral de Promoción do Turismo publicou un cartel do Relicario anunciando o Milenario e o servizo de Publicacións do Ministerio de Información e Turismo editou un libriño dentro da colección Temas Españoles (nº 501) titulado Milenario del Monasterio de Villanueva de Lorenzana, con artigos de Álvaro Cunqueiro, Manuel Chamoso Lamas, Francisco Mayán, César Chavarría e Francisco Fernández del Riego.
Os actos centrais do milenario celebráronse o día 30, último sábado de agosto, data na que dende época inmemorial se celebran os festexos en honor do patrón de Vilanova, se cadra as únicas festas patronais de toda Galicia dedicadas a alguén que non é santo canonizado pola Igrexa. Autoridades locais e provinciais recibiron ao Sr. Ministro, que dirixiu unhas palabras ás autoridades asistentes e ao numeroso público alí presente. O repique de campás anunciaba o comezo da solemne Misa pontifical concelebrada e presidida polo abade mitrado do mosteiro de Samos, D. Mauro Gómez Pereira, quen fora monxe beneditino en Lourenzá, e cantada polo Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos de Mondoñedo. Na homilía o párroco de Vilanova, D. César Chavarria Pacio falou sobre a biografía do Conde Santo, como fundador e como monxe. Rematado o oficio litúrxico as autoridades visitaron o Museo de Arte Sacra, o Relicario, a capela da Valvanera e o Sepulcro para rematar descubrindo unha placa rebautizando o cantón e adro da igrexa co nome de Praza do Conde Santo. Despois do xantar oficial, feito no refectorio do Convento, procedeuse á inauguración da I Exposición de arte monacal gallego, rematando estes actos oficiais cun concerto de música clásica na igrexa a cargo do cuarteto ‘Renacimiento’ de Televisión Española.
Naqueles anos destacaba a importancia da Feira de Exposición do Campo e da Industria de Lourenzá, da que se celebrou a III edición.
O programa popular completeu os actos institucionais. Competicións deportivas: unha velada de boxeo celebrada no claustro do mosteiro onde rivalizaron a Selección Centro e a Selección Galega, partido de baloncesto entre o Breogán de Lugo e o Bosco da Coruña, o tradicional partido de fútbol co Mondoñedo enfrontándose ao Atlético Lourenzá, torneo de tenis, tiro ao prato e probas de atletismo. Na programación musical non faltaron grupos folclóricos (Gaiteiras Saudade de Ribadeo, Os Veiga, Os Airiños de Castro), a Banda Municipal de Lugo e afamadas orquestras entre as que destacaba, polo seu exotismo naquela época, a italiana ‘Gli Universali’. Rematando os festexos cun grandioso espectáculo pirocténico.

.

Exit mobile version