Site icon Crónica3.com A Mariña

Jenny Lores, segunda novidade no Pescados Rubén

 Burela 11-7-19. A ala-peche Jenny Lores Cortizo estivo arroupada na súa presentación oficial de laranxa polo presidente, Manuel Blanco, e o directivo Rubén Blanco. A pontevedresa, de Monte Porreiro, é a segunda novidade no proxecto do Pescados Rubén Burela FS para a próxima tempada, xunto á que tamén foi a súa compañeira en Poio Pescamar FSF, a nedense Ale de Paz.

Aos seus 28 anos, a xogadora recala na comarca da Mariña para cambiar de aires, con ganas de novos desafíos: “Custoume un pouco tomar a decisión porque levaba moitos anos co Poio e tíñalle moito agarimo á xente e ao equipo, pero apetecíanme novos retos e saír un pouco da miña zona de confort e non hai mellor club para iso que o Pescados Rubén, que é o máis profesional”, explicaba a nova Guerreira Laranxa, formada en estrutura de Marcón FS e que chega tras cinco tempadas no Poio.

“É a miña primeira experiencia fóra da casa, pode impoñer un pouco de respecto ao principio pero todo será cuestión de adaptarme. O Burela é un equipo moi forte e creo que me adaptarei ben, con traballo, sacrificio e ganas” confesaba así a ala-peche, disposta a seguir medrando e gozando na escuadra mariñá: “Veño para superarme e pelexar por conseguir títulos, pero sobre todo veño aprender moitísimo” puntualizaba Jenny.

Jenny Lores e Ale de Paz reforzan un bloque no que continúan Peque e Dany e xa formalizaron a renovación Ana Romero, Cilene, Bea Mateos, Luci, Jozi e Lara Balseiro.

Exit mobile version