Viveiro, 30 de xullo, 2019. Este vindeiro mércores 31 celebrarase no Concello o segundo pleno desta nova corporación municipal que tivo lugar nas pasadas eleccións do 26 de maio, despois de ser o de organización do Concello o primeiro pleno. A portavoz do BNG de Viveiro, Míriam Bermúdez, levará neste pleno os seguintes puntos:
Presentamos unha moción para a elaboración consensuada dun plan económico plurianual a desenvolver durante o mandato 2019-2023. Plan no que se deberán estabelecer as prioridades en materia de investimentos e no que figurarán no mesmo as obras a executar no concello, as partidas que previsíbelmente sexan necesarias para a súa execución, o cronograma de actuacións das mesmas e onde se recolla a fase de execución na que se atopa cada investimento previsto.
Preguntaremos polas franxas de protección contra os incendios, respecto ás numerosas queixas recibidas polo estado de abandono de fincas e de plantacións de especies que propagan con facilidade o lume próximas ás vivendas e núcleos de pobación, poñendo en perigo vidas e bens inmobles.
E na parte plenaria dos rogos:
Queremos dotar de aparcabicis diferentes zonas do Concello como praias, instalacións deportivas e outros espazos públicos axeitados para o uso deste transporte, unha medida fácil de implementar e ecónomica para as arcas do Concello, que melloraría a vida das veciñas e faría de Viveiro unha vila máis sostible e propia do século XXI.
E por último, xa levadas a cabo as obras de derrubamento dos galpóns e o acondicionamento do muelle para o seu uso como aparcadoiro, destaca máis aínda o abandono da casa do gardamuelles, edificio que podería acondicionarse estudando que uso sería o máis urxente ou apropiado e redundar así no beneficio dxs veciñxs de Viveiro.