Site icon Crónica3.com A Mariña

“Importantes investimentos e máis servizos no Hospital da Mariña”, Por Daniel Vega, deputado do PP no Parlamento de Galicia

Estamos afeitos a que colectivos teledirixidos polo BNG e polo PSOE e polos seus sindicatos afíns, como é o caso da plataforma sanitaria da Mariña, saían cada verán criticando falsos recortes na prestación dos servizos públicos sanitarios no noso hospital. Este ano non foi a excepción; pero, ademais de mentir, ocultan o feito de que a principal infraestrutura sanitaria da comarca está en pleno proceso de ampliación e remodelación integral, consecuencia do investimento millonario comprometido e materializado polo Goberno da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo.
O Hospital da Mariña presta servizos sanitarios de calidade tamén durante o verán. É falso que se pechen camas no centro hospitalario da nosa comarca durante a época estival, salvo aquelas directamente vinculadas á propia obra de ampliación e renovación integral do centro.
Neste momento está en marcha a segunda fase que supón un investimento de 14 millóns de euros e que permitirá a modernización de dúas plantas do antigo edificio.
E o pasado mes de xaneiro tiña lugar a ocupación paulatina do novo edificio resultante da ampliación, un proxecto que sumou 12 millóns de euros adicionais.
Este esforzo económico traduciuse en feitos que calquera veciño da comarca poderá comprobar:
– unha zona de hospitalización máis ampla e novas áreas cirúrxicas e espazos para consultas. De feito, hoxe o hospital público da Mariña suma 4.500 metros cadrados para ingresos
– 24 novas habitacións no edificio ampliado e 28 máis en proceso de remodelación, emprazadas no edifico máis antigo, que serán renovadas e contarán con novo mobiliario
– máis e mellores servizos coma a blindaxe e ampliación de espazos da unidade de tratamentos para enfermos de cancro, a hospitalización a domicilio (HADO) que se estende ao conxunto da comarca ou a segunda sala de endoscopias, por citar os máis recentes.
Hai quen con torpeza e retorcendo a realidade insiste en facer crítica con algo tan serio como é a saúde. Que cada pau aguante a súa vela. Nós, desde o PP, seguiremos demostrando con feitos que é posible mellorar o noso hospital, amplialo e dotalo de máis e mellores servizos. Estou convencido de que unha vez máis a veciñanza poderá xulgar a realidade dos feitos: os froitos dos máis de máis de 28 millóns de euros que o Goberno popular da Xunta achegou á renovación das instalacións do centro sanitario de referencia na nosa comarca.

Exit mobile version