Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o cupón da ONCE que promociona o Ribadeo Indiano. Sortearase este xoves 4, e xa están á venda en todo o estado cinco millóns e medio de boletos

 Ribadeo, 1 de xullo de 2019. O cupón da ONCE que se sorteará este xoves, 4 de xullo, promociona o Ribadeo Indiano. Son cinco millóns e medio de cupóns os que xa están á venda en todo o estado. O boleto foi presentado este mediodía no salón de plenos do Concello. No acto interviñeron o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Súarez. Tamén asistiu a directora da ONCE en Lugo, Eva Lorente.
O delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, manifestou que “este cupón está dedicado a esta festividade que cada ano que pasa está acadando máis repercusión publica e con maiores índices de participación, e que se vai consolidando como unha das referencias na Mariña lucense para toda España. Pretendemos con este vehículo de promoción, que é o noso cupón, esa tarxeta de presentación social que é o noso cupón da ONCE, e que permite que moitas persoas con discapacidade teñan un medio de vida, teñan unha ferramenta de inclusión social. Tamén é a ferramenta de solidariedade que a ONCE utiliza para levar a cabo toda a súa labor social e qué mellor que unilo a causas como esta, arraigadas no imaxinario colectivo da poboación á que todo lle debemos. A ONCE non sería nada sen a sociedade galega e a española e todo llo debemos a eles, a eses clientes que se achegan cada día a mercar os nosos produtos e darlles as oportunidades de vida para as persoas con discapacidade”.
Martínez Pan engadiu que “con este cupón unimos tanto a nosa labor social como tamén devolver dalgunha maneira ese agradecemento á sociedade e tamén ao Concello de Ribadeo, que desde o primeiro momento tivemos unha colaboración magnífica para facer este cupón. Van ser cinco millóns e medio de cupóns que xa están nas mans dos nosos vendedores, ao longo de todo o territorio estatal, e pretendemos que sexa tamén unha promoción para esta festividade”. E engadiu “a ONCE tamén ten acción social na outra beira do Atlántico, temos a nosa Fundación ONCE para solidariedade con América Latina e por iso poñer en valor esa colaboración que tivemos da sociedade galega alén dos mares. Dalgunha maneira na ONCE seguimos facendo esa labor solidaria, de apoio e unión dos cegos latinoamericanos cos cegos de España. Afortunadamente unha organización como a que ten hoxe España, dicimos que é patrimonio da sociedade española con oitenta anos, pretende mellorar a calidade de vida de moitas persoas”.
A edil de Cultura, Pilar Otero, agradeceu “o interese da ONCE e destacar que o Ribadeo Indiano non sexa soamente unha festa na que pasalo ben, que é o primeiro que desexamos, pero que tamén teña estes pequenos xestos que abranguen o eido cultural e social. Contar co apoio da ONCE parécenos moi interesante, e animamos a todo o mundo a que compre este cupón e a que veña a disfrutar do Ribadeo Indiano”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “desde a nosa asociación queremos dar as grazas á ONCE pola promoción que está facendo do Ribadeo Indiano, que para nosoutros é moi importante, porque é un fin de semana longo no que Ribadeo énchese de xente e a nosoutros vennos moi ben porque o inverno foi moi duro. Ademais este cupón danos a coñecer en toda España, así que de nosoutros soamente tedes palabras de agradecemento porque é moi importante nestes momentos en que estamos”.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifestou: “quero destacar cunha palabra a solidariedade desta iniciativa, que tamén se funde na solidariedade que temos este ano no Ribadeo Indiano con varias actuacións solidarias, pero esta é unha moi boa oportunidade para que de todos os recunchos do Estado se acorden do Ribadeo Indiano. Algúns terán sorte xa que lles tocará o cupón, pero todos os que o compren participarán dalgunha maneira tamén difundindo a nosa idea de Ribadeo e de Ribadeo Indiano e se isto tamén serve para que logre a ONCE seguir traballando na súa misión de tratar á xente con discapacidades, pois benvido sexa”.
Ao remate do acto o delegado territorial da ONCE fíxolle entrega ao alcalde dunha reprodución enmarcada do cupón do 4 de xullo de 2019, para que pase a formar parte do patrimonio municipal.

Exit mobile version