Site icon Crónica3.com A Mariña

Faba Verdina de Galicia contará co apoio da Xunta e do Concello de Mondoñedo para acondicionar unha nave na que establecer o seu centro de xestión

 Mondoñedo, 7 de xullo de 2019.- A Asociación de Produtores de Verdina de Galicia vén de elaborar un anteproxecto para o que prevé contar coa axuda do Concello de Mondoñedo e da Xunta de Galicia co obxectivo de acondicionar unha nave para albergar o centro de xestión da faba fresca que se produce baixo a súa marca. A nave 3 está emprazada na Rúa San Lázaro, no número 28.
O Goberno local e o Executivo autonómico mantiveron xa unha reunión coa Asociación de Produtores para coñecer o anteproxecto que pretenden levar a cabo e estudar as posibles vías de colaboración.
O centro de xestión da faba fresca deberá albergar no interior unha serie de espazos:
-Unha oficina para xestión da asociación de produtores
-Un vestiario dotado de aseo para o persoal
-Unha cámara de frío
-Zonas de pesado, embalaxe e almacenaxe
As obras suporían un investimento total de 52.888,47 euros, obras no interior e equipamento (cámara frigorífica e traspaleta pesadora).
Funcionamento
A faba fresca é un produto con moita demanda neste momento no mercado. Prevese que calquera produtor da Asociación de Produtores amparados pola marca Faba Verdina de Galicia e procedentes dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Trabada poida levar a faba a esas instalacións onde se recepcionará e se fará un control de calidade segundo os estándares das distintas empresas comercializadoras.
Pesarase a faba recibida e procederase ao seu envasado en bolsas de plástico, da capacidade requirida pola empresa comercializadora e o seu etiquetado correspondente. O produto quedará almacenado en cámara refrixerada para evitar perdas e sairá das instalacións a cargo da empresa comercializadora e nas cantidades que requiran.
Obras
O anteproxecto recolle a distribución dos espazos requiridos polo promotor da maneira máis eficaz posible tendo en conta as normativas vixentes, o confort interior para os usos dos locais, a economía do presuposto; sen reducir por iso a calidade necesaria para este tipo de establecementos e tendo en conta tamén as fachadas existentes cos ocos actuais e que no futuro se requira a apertura de ocos de luz natural pola fachada lateral.
A proposta recolle o emprazamento da oficina cara á fachada principal aproveitando desta forma a luz natural da ventá xa existente. A continuación colocarase o vestiario que conta cunha entrada desde o espazo de acceso polo que os traballadores entran vestidos de rúa e unha saída cara ao interior da nave pola que saen do vestiario coas roupas de traballo directamente ao local no que se manipulan os alimentos. Dende o vestiario e no interior da nave colocaranse lavamáns para garantir a hixiene na manipulación dos alimentos. E, ao fondo da mesma, colocarase a cámara de frío na que se almacenen as fabas unha vez empaquetadas para a súa distribución.
Fins e actividades da asociación de produtores
A entidade sen ánimo de lucro Asociación de Produtores de Verdina de Galicia ten como finalidade promocionar e fomentar a actividade dos produtores desta faba; así coma promocionar e apoiar a comercialización directa da verdina polos produtores, tanto no mercado da Comunidade Autónoma galega coma fóra dela.
Igualmente, entre os seus obxectivo atópase o apoio e o fomento das actividades de promoción do produto e o seu consumo; ademais do apoio e fomento das actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) relativas á verdina, o seu proceso de manipulación, envasado, expedición, distribución e comercialización que resulten de interese e en beneficio dos produtores da Asociación.

Exit mobile version