Os participantes na Travesía desenvolverán diversas actividades na comarca, que están financiadas polo GALP A Mariña-Ortegal. O día 17 terá lugar un Showcooking ás nove da noite na praza de abastos de Burela, a carón do porto. O bonito será o protagonista desta cita, co que se elaborarán varias preparacións.
O xoves, 18 de xullo, os navegantes levarán a cabo visitas guiadas ao mirador do Monte Castelo e á fábrica de cerámica de Sargadelos e á súa contorna. Iso será pola mañá e pola tarde achegaranse ata a nave de redes, ao barco museo Reina del Carmen e á lonxa, onde asistirán a unha poxa de peixe.
Xa o venres, día 19, ás dez da mañá a organización faralles entrega do peixe para o Concurso de Cociña, que se desenvolverá na travesía Burela-Viveiro. Ás cinco e media da tarde darán comezo as visitas guiadas ao Souto da Retorta e ao monte San Roque. E ás nove da noite no porto de Celeiro será a valoración por parte do xurado das elaboracións realizadas para o Concurso de Cociña e a posterior entrega de premios.
Os navegantes xa pasaron por varios portos de Euskadi e Cantabria desde o inicio desta cuarta travesía e estes días atópanse na costa asturiana, antes de partir cara Burela.