Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia demanda o arranxo urxente na N-634 debido ao seu mal estado de conservación

 Mondoñedo, 3 de xullo de 2019.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, demanda o arranxo urxente na N-634 motivo polo cal vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para reivindicar unha actuación que mellore o seu mal estado de conservación.
A rexedora fai esta petición ante o mal estado que presenta o firme e tendo en conta que este é desvío alternativo cando a A-8 presenta problemas coa néboa, como acontece estes días.
A Garda Civil habilita os habituais desvíos alternativos a través da estrada Nacional 634 ao seu paso por Mondoñedo, polo que desde o Goberno local urxen a necesidade de reparar a vía para poder soportar todo este tráfico en condicións de seguridade.
A alcaldesa precisa que a estrada se atopa en moi mal estado, con problema de asfaltado e sinalización, que deben ser reparados de maneira inmediata, polo que lle pide ao Estado un investimento que permita poñerlle fin a esta situación.
“A vía non está en condicións óptimas para absorber todo o tráfico que derivan no verán ou cando se dan problemas coa néboa, como ocorre estes días, polo que pedimos que coa máxima celeridade acometan as obras que correspondan”, demanda.
Unha demanda comprometida desde o 2017
A petición que a alcaldesa lle fará á subdelegada xa fora trasladada en anteriores ocasións e o Executivo local xa conseguira o compromiso do Goberno do Estado para levar a cabo o estudo do proxecto para a mellora da seguridade vial na N-634 en abril de 2017. Candia pide que se retome este proxecto canto antes.
No proxecto o Goberno fixa a mellora na seguridade vial da N-634 para a que había previsto un investimento de 2,8 millóns de euros.
A mellora na N-634 incluía:
– Substitución da actual capa de microaglomerado.
– Actuacións de mellora na sinalización, balizamento e defensas.
– Acondicionamento e mellora das interseccións.
– Limpeza e perfilado de cunetas.
– Pechamento de zonas onde poidan aparecer animais soltos.

Exit mobile version