Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia agradece a implicación da Xunta coas axudas á rehabilitación e avanza o interese por estender ao casco histórico a área Rexurbe

 Mondoñedo, 1 de xullo de 2019.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, asistiu esta mañá á reunión que mantivo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cos veciños do casco histórico na que anunciou a convocatoria dunha nova liña de axudas para animar aos mozos e mozas a comprar vivenda en centros históricos.
A rexedora agradece a implicación da Xunta con estas axudas e avanza o interese por estender ao casco histórico a Área Rexurbe. As Áreas Rexurbe de interese autonómico están pensadas para núcleos históricos ou zonas especialmente degradadas que precisan dunha resposta áxil e integral tanto desde o punto de vista edificatorio como social, económico e mesmo ambiental.
Mondoñedo é un dos sete concellos nos que a Xunta puxo en marcha o Rexurbe en 2018, cunha actuación de rehabilitación nun edificio da Rúa Muíños de Arriba que permitirá dispoñer de dúas novas vivendas, e á que se lle dará continuidade este ano, xa que está previsto pechar un acordo co propietario do inmoble anexo para poder ampliar a intervención do IGVS neste barrio mindoniense. Actuacións que a alcaldesa pretende tamén que poidan beneficiar ao casco histórico, ademais de a este barrio tan emblemático do municipio.
Candia agradeceu na súa intervención a “sensibilidade e implicación económica que están demostrando desde a Xunta cos cascos históricos”. “Temos a obriga de estar entre os primeiros e liderar non só axudas económicas e cambios normativos para conservar os nosos cascos históricos, que son un escenario de oportunidades, un legado que herdamos con esa beleza patrimonial que é un atractivo turístico incrible”, precisou.
Máis de 10 millóns de euros desde 1999
A rexedora explicou que para Mondoñedo estas axudas “teñen que ser un complemento máis que permita proseguir a rehabilitación do casco histórico”. Así, avanzou que entre financiamento público e privado Mondoñedo leva investido no casco histórico máis de dez millóns de euros desde o ano 1999, unha contía moi importante. “Temos que ver o que está por conservar e temos que intentar que se complete ese entorno e que a xente coñeza as medidas e a implicación do Goberno galego para que se poidan beneficiar os mozos e tamén
as empresas relacionadas co sector”.
“O que une Mondoñedo e rehabilitación seguro que ten un bo recorrido”, concluíu.

Exit mobile version