Site icon Crónica3.com A Mariña

Debido ao mal tempo o concerto do Día da Patria da Banda de Ribadeo trasladouse ao Teatro, que estivo ateigado de público. David Ballester foi homenaxeado ao cumprirse 10 anos como director da formación

 Ribadeo, 26 de xullo de 2019. Debido ao mal tempo o tradicional concerto do Día da Patria a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo trasladouse onte, xoves, ao Teatro ribadense, que estivo ateigado de público. Durante o evento David Ballester Martínez foi homenaxeado ao cumprirse dez anos como director desta formación musical. Antes de empezar a actuación no Teatro foi despregada unha gran pancarta para lembrar ese décimo aniversario e na última parte do concerto David Ballester recibiu un agasallo dos compoñentes da Banda. O obsequio foille entregado polo segundo director, Rubén Solloso Irimia, que estivo ao fronte da Banda ribadense nalgunhas das pezas que interpretaron neste concerto, nas que participaron alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo.
A Banda ribadense tocou onte estas pezas: Os teus ollos, de Xosé Castro Chané e con arranxos de Hernán Naval; O Chopo, de Manuel Iglesias; Nidito feliz, de Maestro Marino; Rosalía, de Xanxo Rei e Sergio Rodríguez; Convergence, de Larry Clark; Muiñeira dos Pendellos, de Juan Lois Diéguez; Return of de vikings, de Bert Appermont; Mistyc Legacy, de Larry Clark; e Banda galega, de Felisindo Pérez Seara. O concerto rematou coa interpretación do himno galego.

Exit mobile version