A hora da verdade na política chega cando toca dar pan ás filas propias, dar o trigo que se dí, iso é o que acontece agora mesmo en Madrid coa máis que probable investidura do PP ó fronte da Comunidade da Púnica e dos Granados e González. En pleno mes de agosto, co concepto madrileño incluído de cidade baleira, vai ser editado un pacto a tres: PP, C´s e Vox como xa pasou en Murcia e tamén en Andalucía. A escusa de que Vox non está no goberno esta ben para os crédulos, mais seguro que Vox está desfrutando.
Sorprende tamaño acordo na formación de Albert, que viña a rexenerar e a propoñer, que era todo modernidade, que viña da man dos liberais europeos e tamén en parte dos demócratas, tan modernos foron que se pasaron a apoiar en aqueles que defenden o alzamento de Franco. Será moda vintage? coido que non.
Foi fachenda de moitos e moitas, nos que me inclúo, que a formación de Abascal non obtivese representación en ningún concello de Galicia, mais agora en frío, podo asegurar que os 35 que ten C´s e as dúas deputadas no Congreso son ás claras tamén representación de Vox en Galicia, votar a C´s e a Vox viña a ser o mesmo conto, non nos demos conta, pero a realidade é esta.
Ciudadanos traizoa con estes movementos a todo o espectro político europeísta que lle deu acollida e apoia moi ben as teses de Le Pen, a que espera logo Macron para darlle o despido ó partido laranxa da súa familia, Renovar Europa? Ollo no mesmo paquete vai o PP de Casado co tímido reproche dun Feijoo cómplice, pensando en 2020.
Esta é a triste realidade da política do estado español, non son quen de facer o que se fai en Europa, illar os movementos ultra, pactando con lóxica entre demócratas, aquí o consenso vai por outro camiño. Un camiño como o exemplo da Deputación de Lugo con 1,69 asesores por político, dentro de 4 anos que se presenten só os asesores, é máis lóxico e barato.
Espero que dende as organizacións políticas europeas se actúe en consecuencia con este apoio da extrema dereita, dende aquí pedimos contundencia e firmeza nos valore de Europa.
Está demostrado que en Galicia Cs non é opción para aquela xente que quere cambio, non porque vai seguir con Vox e PP a apoiar a eses da Púnica que foron condenados…en Galicia iso non é cambio, é máis do mesmo, ollo pois co voto dobre, ese de dobre moral.
Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.