Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde denuncia a situación e demanda ao SERGAS a cobertura da Traballadora Social do Hospital da Mariña

 Burela a 1 de xullo de 2019. CIG Saúde A Mariña denuncia que o Hospital da Mariña queda dende hoxe sen a única Traballadora Social durante dous meses, en concreto durante os meses de xullo e agosto ao non cubrir o SERGAS a súa ausencia, a pesares de existir persoas dispoñibles nas listas de contratación (autonómicas) para cubrir esta categoría profesional.

PROFESIONAIS CUN PAPEL ESENCIAL E IMPRESCINDIBLE.
Para CIG Saúde a traballadora social leva adiante un labor importante é fundamental no ámbito sanitario para as persoas e a sociedade, labor moitas veces pouco coñecido e valorado.

O papel das traballadoras sociais, advirten, van moi alén da burocracia. “Son as xestoras dos casos sociosanitarios complexos” e o seu papel é o de “dar resposta a toda a problemática dos colectivos de maior vulnerabilidade”, explican. Por exemplo, estas profesionais fanse cargo “das persoas en situación de abandono nos hospitais” ou das que dan en “situación de desprotección con grave risco para a súa integridade” física ou psíquica. Nestas situacións o papel destas traballadoras é tamén exercer de ponte coa Consellería de Traballo Social nun contexto no que, lembran, “de crecemento exponencial dos casos de emerxencia social nos últimos anos”.

Sería moi extenso mencionar todo o que fai un traballador social nun hospital, explican, pero algunhas das súas funcións destacadas son:

-Detectar problemas socioeconómicos nos pacientes ingresados.

-Realizar estudos socioeconómicos cando sexa necesario.

-Detectar a problemática do pacientes chegados a urxencias a nivel social.

-Procura de recursos ao alta e coordinación con servizos sociais de zona.

-Apoio ás familias dos ingresados en cuestións como a nova situación do paciente ou o asesoramento sobre os recursos e axudas que poden xestionar en relación a cuestións como a lei de dependencia, os trámites para solicitar a situación legal de discapacidade, incapacidade laboral e outros.

POÑER EN VALOR O SEU TRABALLO.
“Os traballadores e traballadoras sociais desempeñan un papel esencial e imprescindible e cumpre poñer en valor o seu traballo”, explican desde CIG Saúde A Mariña.

“Esta decisión do SERGAS de non cubrir a súa ausencia amosa por unha parte o desleixo cara a atención sociosanitaria na Mariña e o nulo recoñecemento por parte da administración ao traballo que desenrolan nas equipas multidisciplinares tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada”, afirma o sindicato nacionalista.

“É prioritario que a administración sanitaria asuma o seu papel esencial e imprescindible e que incremente a dotación de traballadoras/es sociais no noso hospital (mínimo dúas profesionais), nos Centros de Saúde, e tamén na USM (Unidade de Saúde Mental) e COF (Centro de Orientación Familiar) que non dispoñen destes profesionais como noutras áreas e distritos sanitarios da sanidade pública galega, volvendo a deixar en evidencia que para o PP a cidadanía da Mariña segue a ser de segunda, desta volta desde o punto de vista do traballo social”, conclúen.

Para rematar, a central nacionalista demanda ao SERGAS como medidas urxentes e a curto prazo para mellorar o traballo social na Mariña:

1.- Revisión de ratios e dotación de traballadores sociais na Atención Primaria. Ratios dun traballador/a social por centro de saúde.

2.- Dotación de profesionais en saúde mental e centro de orientación familiar.

3.- Revisión de ratios e dotación de traballo social na atención hospitalaria.

4.- Incluír a figura do traballo social nos equipos de valoración de atención temperá.

Exit mobile version