Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela presenta este martes en Lugo a Feira do Bonito e Produart

 Burela, 29 de xullo de 2019. Burela presenta mañá en Lugo a Feira do Bonito e Produart, eventos que se celebrarán a fin de semana na localidade mariñá. O alcalde burelés, Alfredo Llano, agradece a colaboración do Concello de Lugo para organizar esta actividade que terá lugar na praza de abastos a partir das 12:30 horas.
O rexedor manifestou que “seguimos coa promoción da Feira do Bonito e de Produart, queremos que moita xente saiba o que imos facer os días 2, 3 e 4 de agosto, que poida apreciar de primeira man como se prepara o bonito e ao mesmo tempo que faga a visita a Produart, que é unha feira de produtos ecolóxicos e artesanais. Os dous eventos conforman un bo atractivo para que a xente se achegue a Burela a vindeira fin de semana”.
Alfredo Llano explicou que “imos facer unha presentación mañá, ás doce e media, na praza de abastos de Lugo. Hai que dicir que o Concello de Lugo se está volcando nesta presentación, que imos facer na praza de abastos porque hai moitas peixerías e nelas aparece o bonito de Burela coa súa trazabilidade. Polo tanto parécenos un sitio extraordinario para facer esa presentación da Feira do Bonito e de Produart, onde se pode apreciar perfectamente o túnido”.
O alcalde sinalou que “están invitados todas as institucións, asociacións de hostalería e de restauración, así como os medios de comunicación. Unha vez rematado o acto imos facer unha pequena degustación de bonito, en diversas preparacións. Todo o mundo sabe que a preparación do bonito depende moito da imaxinación do cociñeiro porque hai moitas formas para facelo e calquera delas sabe ben”.
Llano engadiu que “imos darlle a importancia que merece a esta feira, agora que é de interese turístico nacional, e imos presentala en Lugo no epicentro da alimentación. Consideramos que con este acto estamos dándolle unha boa promoción a este peixe, á Feira do Bonito e a Produart”.

Exit mobile version