En concreto desprazouse ata o posto de mando avanzado despregado pola Axencia Galega de Emerxencias (Axega), desde o que se coordinará un amplo dispositivo de profesionais que inclúe desde agrupacións de Protección Civil e da propia Axega, ata membros das Forzas e Corpos de Seguridade.
“O obxectivo do despregue é ofrecer unha resposta áxil e especializada ante calquera situación de risco e, en todo caso, garantir a seguridade de todos os asistentes”-explicou Balseiro.
Entre as diversas dotacións e recursos da Xunta desprazados ata Viveiro figura un camión articulado que permite trasladar ao lugar da incidencia unha sala de operacións, coordinación e xestión de recursos. Está dotado coa última tecnoloxía, o que garante as comunicacións aínda nas condicións máis adversas.
O camión de tipoloxía 6×6 mide 10 metros de largo, 4 metros de altura e 5 de ancho -na súa modalidade despregada- e dispón unha escaleira de acceso. Entre o seu equipamento figura emisoras de diferentes bandas de frecuencia, entre elas, banda mariña, aérea, baixa, HF, e satélite, integradas no sistema de comunicación TETRA.
O operativo é autónomo de calquera fonte eléctrica grazas aos dous xeradores cunha autonomía individual de 150 horas de funcionamento cada un deles. A alimentación de combustible realízase a través do depósito do camión cunha capacidade de 300 litros.