Dezaoito alumnas e alumnos formáronse nos últimos nove meses nas especialidades de carpintería e mecanizado de madeira, e de conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en aproveitamentos forestais. Durante este período, ademais de contar cun posto de traballo remunerado, recibiron a formación teórica e práctica que os acredita para desenvolver esta actividade e incorporarse ao mercado laboral.
Balseiro destacou que a Xunta está comprometida co desenvolvemento destes programas de formación e emprego porque entende que son unha ferramenta moi útil para que os participantes poidan desenvolver as súas capacidades profesionais, e sumar novas oportunidades de inserción laboral, ademais en áreas nas que existe unha importante demanda de persoal cualificado.
“Tendes agora a oportunidade de demostrar que soubestes aproveitar esta oportunidade”, sinalou Balseiro quen tamén rematou agradecendo ao persoal docente “o esforzo por tratar de transmitir, xa non só os coñecementos, senón tamén o espírito de loita e emprendemento que vai a levar a estes rapaces a encarrilar o seu futuro profesional”.
O delegado tamén lembrou que os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral nos seus respectivos concellos.
Así por exemplo, por citar as máis relevantes no ámbito da carpintería, en Barreiros o traballo do alumando serviu para executar obras de mantemento e conservación do albergue de Gondán; en Mondoñedo para dotar dunha varanda de madeira á histórica ponte do Pasatempo e en Lourenzá para realizar labores xerais de mantemento dos elementos de carpintería presentes en parques infantís, bancos ou no centro de día da localidade.
Por outra banda, o persoal formado en labores de mantemento forestal, realizaron tarefas de coidado e mantemento das áreas verdes nas rutas do Camiño de Santiago tanto en Mondoñedo como en Trabada e, nesta última, de conservación dos espazos verdes contiguos ás canles fluviais dos regos Vidal, Vilaforman e San Martiño. No caso de Lourenzá o alumando realizou tarefas de acondicionamento de distintos parques e xardíns.