Site icon Crónica3.com A Mariña

As xornadas de historia de Foz rematan cunha palestra sobre a antropoxía mariñá

 Foz, 31 de xullo, 2019. A clausura da actual edición das xornadas de historia de Foz correrá a cargo do antropologo pontevedrés Rafel Quintiá Pereira que falará o xoves 1 de agosto ás 20:30 na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz sobre os “Obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular”.Antropologo profesional, fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e tamén fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, director da publicación Fol de Veleno. Revista de historia e etnografía de Galiza e autor dunha ampla bibliografía, entre a que destacaremos Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega, Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia e Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. A palestra de Quintiá Pereira achegaranos á antropolxía dos obxectos curativos, como a pedra do raio, ou dos amuletos, alguns deles como o ollomao, e moi especialmente aos vinculados ao mundo do mar, ligando ao papel que cumpren na nosa cultura e na area atlantica e portuguesa.

A palestra de Quintiá achéganos ao fascinante mundo simbólico sa ritualística protectora, dos obxectos curativos e do uso de amuletos na cultura popular galega. Segundo Quintiá “estamos, en definitiva, diante dunha visión sobre os aspectos máis máxicos-relixiosos da nosa etnomedicina. A información achegada é froito de moitos anos de investigación e traballo de campo por toda Galiza estudando diferentes aspectos da etnomedicina que van desde os fenómenos protección e curación até o uso de amuletos e obxectos poder nestes procesos así como a existencia dos lugares propicios para estes ritos”. Algúns dos amuletos aos que se referirá Quinta son ben coñecidos entre as xentes da Mariña, como as pedras do trono ou do raio que os nosos maiores empregaban usaban como remedio contra as picaduras das serpes ou doutros animais pozoñentos.

Quintiá analizará tamén o ollomao, coñecido tamén como ollo de boi, ollo vidal ou ollo mariño. Segundo o antropólogo pontevedrés, “estes amuletos veñen a ser fósiles de caracois mariños coas súas concrecións calizas, tamén empregadas noutras realidades diferentes as nosas, como as Illas Británicas, onde son coñecidos co nome de pedra da víbora e a función que lle atribúen é semellante á que lle damos na nosa cultura. Con anterioridade ao uso ornamental que se lle dá hoxe en dia, como peza incorporado a cadeas, brincos ou colares, os nosos maiores empregaban o ollomao como remedio curativo para a dor de cabeza, dándolle tamén un uso máis xenérico como amuleto para combater os meigallos”. Ao tempo, Quintiá referirase tamén ao que el denomina como amuletos valedores, “aqueles que rexeitan o mal, onde deberiamos situar tamén a figa ou o allo, tan habituais no mundo mental dos nosos maiores e que nos vinvulan coa realidade cultural da Europa atlántica”

A asociación cultural A Pomba do Arco está comezando a traballar na edición do vindeiro ano das xornadas, un encontro que terá un carácter especial por coincidir coa seu XXV aniversario. A entidade valora moi positivamente ter logrado convertir esta actividade nunha referencia cultural e social do verao focego pero sobre todo ter contribuido ao labor de résgate e de posta en valor da historia de Foz, como un todo, dentro do que é a historia de Galiza, entendendo que historia local para nos é un xeito de achegarnos ao mundo desde o que nos é máis cércano e unha forma de comportarnos como galegos nun mundo globalizado. Nese sentido a A Pomba do Arco prepara unha novo número da revista Bolanda, publicación da entidade centrada na historia focega e mariñá, que recollera algunhas das palestras impartidas nestes últimos anos, misturando as colaboracións de investigadores focegos e mariñáns e de historiadores focegos.

Exit mobile version