Site icon Crónica3.com A Mariña

Acordo entre PSdeG-PSOE e BNG para o goberno da Deputación de Lugo 2019-2023

 Lugo, 17 de xullo, 2019. Os grupos do PSdeG-PSOE e do B.N.G. na Deputación de Lugo acordan asinar un pacto de goberno para o mandato 2019-2023, cuxas liñas xerais se recollen no presente documento:

A asistencia, cooperación e colaboración cos concellos reafírmase como a competencia nuclear da Deputación, presidida polo mutuo recoñecemento entre iguais, garantindo que a autonomía municipal sexa realmente efectiva. Apostaremos por impulsar a maior transferencia de recursos económicos posibles aos concellos respectando as singularidades que lles son propias. Todo isto enmarcado dentro dun sistema racional e eficiente que procure prestar en rede os mellores servizos á cidadanía a un menor custe.

Un eixo fundamental de traballo será a procura do adelgazamento das deputacións, emprazando a Xunta a iniciar e comprometerse en procesos sobre o traspaso de infraestruturas, equipamentos, centros e servizos que deban ser transferidos á comunidade autónoma. Isto farase respectando en todo momento os dereitos laborais das traballadoras e traballadores dos centros e servizos que resultaran afectados.

O acordo de goberno, alén de servir para poñer en valor a cultura do diálogo e do consenso na vida pública, baséase en posibles políticas que primen o aspecto transformador destas sobre a realidade social, destacando o aspecto ético na xestión do público, garantindo a participación da sociedade civil na práctica do goberno e dando resposta eficaz ás diferentes problemáticas da cidadanía.

Socialistas e nacionalistas apostamos por un goberno na Deputación de Lugo que dea resposta a novos retos orientados ás necesidades das maiorías sociais.

Poñendo en valor a vontade cidadá, o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego expresan o seu compromiso compartido de levar a cabo as seguintes medidas de xeito transversal:

1. Afianzar o principio de cooperación interinstitucional co obxectivo de garantir a prestación dun mínimo de servizos públicos comúns homoxéneos en toda a provincia, e de realizar un aproveitamento e administración máis eficaz dos recursos públicos.

2. Garantir os principios da ética e a transparencia na gobernación pública da institución provincial.

3. Aplicar a normativa do uso lingua galega e mellorar os recursos existentes para desenvolver unha verdadeira política de Normalización lingüística, utilizando o galego en toda a documentación interna e externa e facendo uso da nosa lingua todas as persoas que exerzan cargos públicos cando representen á institución.

4. Garantir o uso da linguaxe inclusiva na documentación xerada na institución.

5. Estudar o impacto de xénero en todas as accións que se realicen, impulsando aquelas medidas que se consideren prioritarias do Plan de Acción das Políticas de Igualdade.

6. Estudar e apostar por medidas de concienciación medioambiental que conxuguen a aposta pola xestión e o desenvolvemento do territorio e o respecto polo mantemento e singularidade deste.
7. Impulsar a aplicación da Lei da Memoria Histórica e fomentar as accións para o seu coñecemento
8. Apostas como a anterior garantirán a presenza das persoas no seu territorio contribuíndo ao asentamento da poboación e con iso freando o despoboamento que afecta ao noso rural.

Compromisos programáticos e medidas a curto prazo

1. Crear dunha vicepresidencia única que manteña as competencias

recollidas no Regulamento Orgánico e na lexislación vixente.

2. Mellorar a celeridade das accións administrativas coa delegación de sinatura para todas as áreas.

3. Mellorar os trámites internos mediante a adaptación do Regulamento Orgánico

4. Transferir á Xunta aquelas competencias que lle son impropias ao ente provincial para o cumprimento dos seus fins

5. Limitar a partir do ano 2020, a 5% máximo do orzamento inicial as cantidades dedicadas a subvencións excepcionais, xustificando en todo caso o interese xeral

6. Incrementar significativamente a porcentaxe dedicada ao Plan Único para os Concellos, para acadar ao término do mandato o 25% de incremento sobre o destinado no ano 2019. Isto farase sempre e cando non se reduza o orzamento da Deputación; ademais incrementaranse ao Plan Único, ata chegar a esa porcentaxe, os recursos liberados das transferencias á Xunta das competencias impropias.

7. Traballar para disolver coa máxima celeridade a Sociedade Pública Mercantil, SUPLUSA

8. Dado que a Deputación se ve obrigada a soster a rede provincial de estradas máis ampla do Estado, é imprescindible completar o proceso de transferencias coa Xunta de Galicia e os concellos, regulando as casuísticas obsoletas e actualizando a titularidade das Administracións sobre as estradas na provincia.

9. O Goberno provincial instará as Administracións competentes a completar o mapa de estradas e camiños de ferro que garantan a mobilidade provincial presente e futura.

10. Manter a colaboración co Campus Universitario de Lugo, co-financiando diferentes programas. Soster liñas de colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia nos centros de Lugo, Monforte, Viveiro e Foz.

11. Apoiar o sector agropecuario para incrementar a súa produtividade e beneficio, establecendo redes de servizos que diminúan os custes e melloren a calidade de vida, garantindo a súa permanencia no rural.

12. Continuar apoiando o tecido asociativo provincial -baixo criterios obxectivos, transparentes e democráticos apostando polas subvencións en réxime de concorrencia competitiva, con fin de que sigan a desenvolver unha programación propia que poña en valor os seus recursos.

13. Promover e facer rendibles os recursos turísticos, patrimoniais e históricos coordinando os sectores público-privado mediante o Plan de Turismo Provincial existente.

14. Implementar novos mecanismos que faciliten a participación da cidadanía na vida pública, achegando a institución á sociedade.

PROPOSTA DE ORGANIZACIÓN DA DEPUTACIÓN DE LUGO PARA O MANDATO 2019-2023

Aspectos organizativos

A Deputación de Lugo organizarase con base nun goberno de coalición composto polo PSdeG-PSOE e o BNG.

Por tanto propomos unha estrutura que permita conformar unha maioría de goberno que garanta a aplicación dos principios e compromisos pactados, polo que o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego ACORDAN formar un goberno de coalición na Deputación Provincial de Lugo, cos seguintes criterios:

1. A Presidencia será proposta polo PSdeG-PSOE

2. A Vicepresidencia será proposta polo BNG.

3. A Xunta Local de Goberno estará composta por nove membros

7 membros propostos polo PSdeG-PSOE (incluída a persoa que exerza a Presidencia)
2 membros do BNG (incluída a persoa que exerza a Vicepresidencia)
Tratará e resolverá por consenso todos os asuntos políticos antes da súa xestión, ou de seren levados ao Pleno da Corporación. Terá lugar semanalmente o venres ás 11h.

4. A Xunta de Portavoces estará composta polas persoas voceiras dos grupos políticos con representación na Deputación. Celébraranse segundo o recollido no Regulamento Orgánico da Deputación

5. As Competencias de Goberno serán distribuídas do seguinte xeito:

PSdeG-PSOE: PROMOCION ECONÓMICA E SOCIAL, INNOVACION E TICs, PARTICIPACION CIDADÁ E TRANSPARENCIA, ENSINO, ECONOMIA DO COÑECEMENTO, IGUALDADE, XESTION TERRITORIAL E PARQUE MOBIL, GOBERNO INTERIOR, ASUNTOS XERAIS E FORMACIÓN, ECONOMIA, RECADACION, FACENDA E ESPECIAL DE CONTAS, PROMOCION DO TERRITORIO E TURISMO, COOPERACIÓN E ASISTENCIA AOS CONCELLOS, MEDIO AMBIENTE (INCLÚE A GRANXA-CENTRO DE RECRÍA GAYOSO CASTRO E A FINCA DE TOR)

BNG: DEPORTES, CULTURA, PATRIMONIO HISTÓRICO E ARTÍSTICO (REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL), ARTESANÍA E DESEÑO (CENTRAD), NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA, MEDIO RURAL E DO MAR E MOCIDADE

Este reparto de competencias definirase por áreas previa celebración do Pleno de Organización

6. As Comisións estarán integradas por oito membros
A persoa que exerza a presidencia de cada comisión
Tres (3) do Partido Popular
Tres (3) do PSdeG-PSOE
Unha (1) do BNG
As/os deputadas/os que non tiveren dedicación exclusiva poderán cobrar por asistencia ás comisións.

7. O réxime de sesións do Pleno será de un pleno ordinario cada mes coincidindo co último martes de cada mes

8. Os tres grupos políticos contarán con local e medios técnicos, económicos e humanos para desenvolver o seu traballo.

9. No ámbito da Deputación de Lugo constituirase unha comisión integrada por representantes dos dous grupos no goberno para seguimento de acordos e toma de decisións con carácter xeral, que manterá encontros semanais.

Asinado en Lugo, 17 de xullo de 2019

Exit mobile version