Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta lembra que o socorrismo é unha competencia municipal e que as axudas autonómicas distribúense con criterios de igualdade en toda Galicia

Lugo, 17 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia lembra que o servizo de socorrismo é unha competencia municipal, de evidente relevancia nos municipios costeiros, e que é responsabilidade dos gobernos locais organizalo e financialo para poder ofrecelo en condicións óptimas durante a tempada de verán.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén un programa de colaboración cos concellos que distribúe axudas para a contratación de socorristas con criterios de equidade, iguais para todo o territorio, e inclúe tanto os areais como as piscinas de todos os concellos galegos que as solicitan.

Na provincia de Lugo concedéronse achegas por importe de 315.600 euros para financiar a contratación de 100 socorristas, e este ano fíxose un esforzo especial para axudar a cubrir o servizo que prestan nas piscinas os concellos do interior. Así, en Lugo practicamente a metade das contratacións subvencionadas (49 en concreto) son para piscinas. Deste xeito, a cifra global de contratos que se financian na provincia apenas sufre variacións con respecto a anos anteriores.

Ante as recentes declaracións da alcaldesa de Barreiros sobre a falta de socorristas no seu municipio, a Xunta lembra que é responsabilidade do propio concello financiar con fondos propios o servizo ata onde o considere necesario, e que en todo caso Barreiros segue estando entre os concellos da Mariña máis beneficiados por este programa de axudas.

Polo que respecta á formación esixida, o Goberno galego facilita cursos de socorrismo que son gratuítos tanto para as persoas interesadas en realizalos como para os concellos que os impartan, sempre que os soliciten ao abeiro das accións formativas que sufraga a consellería de Economía para traballadores desempregados.

En definitiva, a Xunta insta á alcaldesa a asumir a súa responsabilidade en vez de culpar a outra administración da imposibilidade de prestar con garantías un servizo propio.

5.300 persoas inscritas
Actualmente hai case 5.300 persoas inscritas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, o que os habilita para poder traballar nas nosas praias este verán.

Aínda que as competencias para contratar socorristas correspóndelle a cada concello, o Goberno galego co obxectivo de garantir a seguridade e a prestación dun servizo de calidade no ano 2012 regulou a formación mínima que deben ter os socorristas acuáticos a través dun decreto que establecía a formación mínima que debían ter e se creaba o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. 

A premisa da Xunta é que todos os veráns as praias galegas conten cos mellores profesionais para levar a cabo unha tarefa tan importante como velar pola seguridade dos milleiros de bañistas que cada día están no litoral galego.

Exit mobile version