Fabiola García explicou que o obxectivo da reforma é mellorar a calidade da estancia dos usuarios e incrementar a eficiencia enerxética do albergue a través dunha batería de actuacións centradas en tres bloques: a reforma da fachada, a substitución de cubertas e a reforma interior.
Neste senso, a conselleira indicou que xa o ano pasado se realizaron pequenas obras no equipamento, como a reposición das lousas de tellado ou a adquisición de mobiliario de cociña. Porén, a pegada do tempo na construción facía necesaria unha mellora integral que inicialmente se proxectou cun orzamento de 350.000 euros a cargo dos fondos do superávit e que se completará cun proxecto máis ambicioso con 400.000 euros máis de fondos propios.
Evolución das obras
Algunhas das actuacións previstas xa se viñeron realizando durante este ano, como por exemplo a reparación de gretas e o pintado da fachada exterior, a colocación de portas de ducha, o cambio de chan da zona de monitores, a substitución de todo o mobiliario das habitacións ou a reparación da instalación eléctrica.
A partir de setembro, continuarán as obras para acondicionar o equipamento e, na actualidade, estase a redactar un proxecto de substitución completa da cuberta e dos falsos teitos interiores no que se investirán 350.000 euros. Segundo destacou a conselleira de Política Social, esta será a obra de maior contía de toda a reforma do albergue, que está previsto que culmine no primeiro semestre de 2020.